Acordei de Carapuchiña Vermella cando miraba nun documental a Andoni Luis Aduriz apañando herbas na contorna do seu restaurante, o Mugaritz, de Errenteria. O ‘estrelamichelín’ ten un aspecto escaso e flexible de profesor de ioga en conexión permanente co cosmos que parecía flotar cando avanzaba por unha corredoira coa cesta de vimbio na man.

O donostiarra ía desenvurullando un discurso que revelaba un pensamento cadenciosamente artellado nun plano teórico que recolleu no seu libro ‘Clorofila’. Trasládao á louza en pratos en forma de lombo baixo de vacún maior asado, que cociña por unha banda ao carbón e pola outra ao sarmento e decora cun esfiañado de allos doces, avelás torradas e clorofila batida con aceite dese froito seco.

Unha vez identificada a Carapuchiña, empecei a imaxinar o lobo. Algún Santi Santamarina que lle cortase o paso cunha ensalada de rábanos ao mel ou algo así de clasicote e identificable en todos os seus ingredentes. Había un lobo feroz agochado entre as sebes, si, pero revelouse manso e case que vexetariano. Aduriz veuse sorprendido pola proposta marciana e ilusionante dun lobo colaborador, como foi Pep Gatell, director de La Fura dels Baus.

Eu nunca mesturaría un sabor tan leve, tan de matiz suave, como é a cociña de Aduriz co estourido abrupto no padal que resulta unha montaxe do grupo catalán que gozou en tempos enzoufando de sangue e fariña aos espectadores nun remedo do cine con guerra de tortas de nata do primeiro Holly wood, aqueles filmes mudos e en branco e negro que tantas gañas de participar nunha rodaxe me espertaban de neno.

A colaboración de La Fura e Aduriz chámase ‘Degustación de Tito Andrónicus’ e consiste nunha versión da obra na que Shakespeare fala sobre gastronomía relacionando canibalismo e fame extrema. Tito Andrónico víngase de Demetrio e Chirón, que cortaran as mans e a lingua da súa filla, cocéndoos e servíndoos na súa corte. A maiores, manda soterrar ata o pescozo a Aarón para deixalo morrer por falta de alimento.

A representación incorpora ao teatro o sentido do gusto grazas á participación en escea do cociñeiro Javier Ahedo, que, asesorado por Aduriz, prepara un cochinillo ibérico. No xogo da fición, o bacoriño transmútase no prato para trinta comensais ‘Demetrio e Quirón sacrificados e pousados sobre grans de cebada, aromas afíns de asaduras e herbas recuperadas’.

A obra anda de xira polo este de España e viaxará a Italia antes de botar un par de meses no Brasil. Resulta case que parvo preguntarse se visitará Galicia algún día porque os programadores con posibilidades para financiar a estadía no país dun colectivo como La Fura conciben o wishkey que consume Arturo Fernández nun deses vodeviles que quere facer pasar por alta comedia como a relación máis estreita entre teatro e gastronomía.