ÓSCAR IGLESIAS, incisivo como adoita, entrevista a DOLORES VILAVEDRA, que non escapa ao cuestionario, en El País:
P. Non pervive aínda un certo seguidismo editorial? Cando os críticos galegos escolleron Festina lente para representar a narrativa galega nos Premios da Crítica española, o mesmo ano de Costa Norte/ZFK ou Shakespeare destilado, a novela histórica era tendencia no mercado estatal.
R. Eu estiven aí e iso foi votación pura e dura. A fascinación pola novela histórica permanece. Cando aparece un texto nesa liña de certa calidade, enseguida funciona. Festina lente [a novela de Marcos Calveiro] era un texto con indubidables méritos literarios de seu.
P. Por que di que Xurxo Borrazás "montou unha campaña" contra o director de Galaxia?
R. Porque me pareceu que personalizou unha decisión [a aceptación por parte de Galaxia do Premio á Promoción Cultural de Galicia que lles outorgou a Xunta] que non me consta que o fose. Víctor Freixanes dirixe unha empresa con traballadores e consello de administración, algo terían que dicir. Polo tanto non é 'Víctor Freixanes versus Borrazás'. A min gústame que quen se erixe en xuíz sexa coherente, e houbo momentos en que as mesmas voces que censuraron a Freixanes por aceptar un premio sen dotación non censuraron a aceptación doutros premios igualmente deslexitimados, na miña opinión, con dotación económica.
P. Quen é ou forma ese establishment da cultura galega que, segundo di, desconfía dos novos?
R. Eu son máis establishment ca outra xente, todo é relativo [ri]. Pero ía máis polas institucións puras e duras: a Academia, onde parece que non hai maneira de meter xente de menos de 50 anos, o plenario do Consello da Cultura, as presidencias das fundacións... Os hábitos xerontocráticos son malos de rillar, e a xente nova non ten doado moitas veces facer valer as súas opinións. Aí hai unha especie de fractura, unha certa polarización xeracional, difícil de solventar. A comunicación entre eses dous sectores funciona mal, e ten que funcionar, para asegurar o futuro da cultura e da literatura galegas.