OLIVIA RODRÍGUEZ, a respecto dun artigo de De Toro, en El País: [De Toro quería borralo da foto, para que o noso pasado político e cultural quede, tras a operación de estética, máis presentable. Non vaia ser que nos afecte de portas adentro e afora.

(...)

De Toro fai un duro retrato de Risco con descualificacións que son primeiro físicas e terminan sendo morais, ideolóxicas, racistas e ata existenciais, pois négalle como suxeito un lugar no mundo. Toro odia a Risco, e ten perfecto dereito a facelo. Pero esquece que non pode amosar certo tipo de paixóns nun discurso que se pretende racional, como tampouco pode partir de preconceptos e simplezas. Ao deformar a figura de Risco e amosalo como intruso, alleo e illado, deforma tamén o contexto cultural e histórico.

(...)

Entre 1911 e 1916, data do berro das Irmandades, o galeguismo está morto. A finais de 1917, Risco incorpórase canda Otero, Cuevillas e Noguerol baixo o paraugas de Porteiro e Losada. Estes dous son os auténticos ideólogos, e Risco salienta como bo organizador, que dá a cara nos momentos difíciles e empéñase en estender a nova irmandade, procurando a concordia por riba das disensións, como se revela no seu epistolario. A prematura morte dos seus mentores e a súa capacidade de traballo van lanzalo á vangarda política.

(...)

Risco alertou contra o dano que poden producir os bárbaros semicultos. Non sei se imaxinou que algúns deles tirarían contra el para eliminalo da historia. O tempo porá un día as cousas no seu lugar. Con todos os seus excesos e defectos, seguirá Risco a ser unha referencia inexcusable do noso pasado como nación e como cultura, e cada vez máis será tido en conta polos intelectuais que indagan acerca de como se leva a cabo a nosa conformación como pobo.]