Frank Sinatra non xoga mal ao golf. Eu non teño maña, polo que me ofrecín a guiarlle o cochiño polo campo de Desert Spring Sport, do hotel californiano Marriot, onde vive retirado. Mentres ía conducindo, púxenlle no móbil a actuación de Lucía Pérez na final de 'Destino Eurovision' cantando '¡Que me quiten lo bailao!' Sinatra preguntoume que era Eurovisión antes de premer no comezo do vídeo. Escoitando á rapaza do Incio poñía cara de contradición. Notábaselle que había algo que non lle cadraba. A letra ten un rimado estrambótico, pero non podía ser iso o que amolase a Frankie porque estou certo de que non a entendía. Escoitou a canción con todo o respecto que lle permitía o abaneo do coche ao avanzar polo campo. Cando acabou devolveume o móbil e ficou calado. “A canción ten un fraseo que queda na cabeza, pero está arranxada de máis; a rapaza está forzada, como se limitase a gama de voz”, argumentou logo de pedirme que o achegase a un banco de area no que se lle perdera unha bóla. Antes de baixar mirou á súa bolsa e comentoume. “Sabes o que diferenza un bo xogador de golf? Que sabe escoller o ferro axeitado” Retruquei que a rapaza non puido escoller. “Pois, se non escolles ti o ferro nunca sairás da area”, sentezou Sinatra mentres baixaba do coche. Daquela lembrei que foi o primeiro cantante que se atreveu a erguer a voz por riba da orquestra.