MARILAR Aleixandre contradícese cando reclama que medre o número de mulleres na Real Academia Galega para denunciar, asemade, que a femineidade non pode ser un reclamo para merecer a honra. A escritora leva razón en ambas as afirmacións, pero, formuladas de vez, a segunda rabuña enerxías da primeira. Sería un paso adiante que tres mulleres -hai ruxe ruxe coa propia Aleixandre, Dolores Vilavedra e María Xosé Queizán- ocupasen as tres prazas libres na casa Pardo Bazán.Será inevitable que os sectores máis adormentados polas feromonas macho conclúan que é unha cuestión de xénero, pero nese xogo de corredores dando voltas a un grupo menor de cadeiras hai consideracións que nada teñen que ver coa valía profesional ou artística dos candidatos, evidente nas tres propostas. Aínda ingresando dunha tacada, sumarían sete membras fronte a 23 membros, unha desproporción atendendo á importancia das investigadoras e as escritoras na nosa cultura. Con todo sería un avance e poida que teña que pasar unha xeración para que se cumpra o que demanda Aleixandre. Non esquezamos que sufrimos aínda moito progresista descolocado como George Orwell, quen, para loubar a Joseph Conrad, argumentou decididísimo aquilo de que «unha proba do seu talento é que as mulleres non lle gustan os seu libros». Eu sonlles moi de Conrad e non partillo o xeito no que o deostaba Nabokov «escribe literatura para boy scouts», pero temo que o autor de 1984 pecaba do mesmo que o cultísimo Julien Green, que padecía por non comprender as tramas das películas protagonizadas por James Bond. Complicaba o sinxelo ata non entendelo.