ESTOU CERTO de que camiñar cara atrás rexuvenece. Por iso, se non levo présa, camiño para atrás pola rúa. Ao primeiro, a xente que se cruza comigo mírame coma se fose un tolo, pero logo se fan á idea de que actúo de figurante para alumnos da Escola de Imaxe e Son que están gravando unha curtametraxe. Nada que ver con iso. Ando de costas para avanzar vagarosamente contra o tempo, para retrasar o reloxo do móbil ou, cando menos para que os díxitos non cambien. A pasada fin de semana, a falta de entretemento mellor —porque non me interesan CR7nin Messi nin Andrés Caparrós coas súas emisoras corsarias—, botei un par de días e de noites camiñando cos talóns por diante. A canseira venceume o domingo pola mañá e comprei un xornal. Foi mercar por buscarme unha excusa para o descanso porque ben coñecía as noticias que se repartían a portada: filtracións confusas sobre un posible relevo de Gadafi, problemas para a economía española, o Goberno central asesora aos cidadáns para aforrar enerxía, entran en vigor os novos límites de velocidade. Esta última nova foi o que me levou a reaccionar. O tope establecido para as autoestradas era de 130 quilómetros por hora. Sorprendeume. Mirei a data. Andara tantos quilómetros para atrás que acabara en abril de 1974.