Todo o que busca agora John Fitzgerald Kennedy é tranquilidade. Aínda que semelle o contrario, o home que se bañaba en masas e se secaba en apertas e bicos, quere estar so. Na compañía de Jacqueline. O atentado de Dallas retraeuno moito. “Unicamente reparas na importancia fonda da vida nese intenso e confuso intre en que a perdes”, comentábame mentres pescabamos na costa. Prohibiume revelar o lugar no que fixou a residencia dende que abandonou todo por mor dos balazos de Oswald, polo soamente desvelarei que fica nun lugar ao sur de Irlanda. John Fitzgerald comentárame un día que optara por regresar á terra dos pais inspirado pola película O home tranquilo. “Espero non meterme en tantos lameiros como o personaxe de John Wayne”, sinalara divertido. Pedinlle opinión sobre as respostas da prensa ás doenzas de Esperanza Aguirre e Rubalcaba, o que me sorprendía da humanidade cara unha e os desexos envelenados cara ao outro. Sorprendido pola agriedade dalgúns periodistas, citoume aquilo de Shakespeare de que “non fagas unha fogueira demasiado grande ao teu inimigo, non vai ser que te queimes”. A seguir, trasladou unha parte de culpa aos políticos. Ergueuse, levantou a camisa para amosarme os furados que lle deixaran na carne os disparos de Dallas para sentenzar “non pensas que amosando isto podería ter gañadas moitas eleccións?”