O CHOCOLATE DE GOYA
RUIZ MATEOS nunca me ofreceu o seu brandy. Non podo presumir diso, nin tampouco de que me rogase que non o deixase caer, como pode facer Botín. Aínda así, si de que teño probado os seus bombóns Trapa, que adoitaban enviarnos por mensaxería por unha cuestión de cortesía, que se queren coñecer, deberán elucubrar.
Como o empresario andaluz non vai ler isto, revelarei que eu son máis da Caixa Vermella de Nestlé. Non esperen que lles argumente con apreciación visual, texturas, sabores u olores propios dunha cata de bombóns porque a miña inclinación ten unha raíz máis elemental. Tratase da educación gustativa que me impartiu a miña nai: son de Nestlé porque ela compraba Nesquick.
Nese despertar meu ao mundo foise desenvolvendo un dos primeiros cismas ideolóxicos. Cada vez que merendaba na casa dun amigo que gastaba Cola Cao acababamos debatindo sobre os pós de cacao que preferíamos. Eu loubaba a solubilidade do Nesquick, eles salientaban o sabor preponderante do Cola Cao. Eu non aturaba as dificultades para desfacelo, eles apoñíanme que o meu favorito formaba axiña un sedimento mentres o Cola Cao mantiña a distribución homoxénea. Onde eu valoraba que precisaba de botarlle menos azúcar para que me prestase, eles situaban comoo seu cacao máis achegado ao sabor dunha taza de chocolate.
Curiosamente nunca me vin en ningunha mesa redonda sobre a diverxencia entre Nocilla e Nutella, porque a miña infancia son recordos dun bote de Nocilla, que diría Machado. As infancias dos meus amigos tamén o son.
Os corenta anos transcorridos amargáronme o padal e o carácter, polo que evito frecuentar calquera das dúas cremas de cacao. Con todo a Nutella trasnoita na casa e dáme a impresión de ter un sabor máis intenso e tendente á avelá.
Non deixei de gozar do chocolate, pero agora tomo tazas de Valor con leite. Debo controlar as proporcións porque o cacao que enlata esa marca é despiadadamente amargo. Supoño que é do que se usa para cociñar pratos coma a perdiz con chocolate, que eu teimei en probar dende que me informei de que era un dos pratos afrancesados que a Duquesa de Alba usou para agasallar a Goya durante a estadía de ambos os dous na casa madrileña do Campo del Rocío na primavera luminosa de 1797. As perdices e as onzas de chocolate levaban acompañento de touciño e pementa, e baño de delicado caldo de pita.
Como non é un prato favorito nas cartas, tardei un tempo en probalo. Foi dun xeito inesperado. Milagrosamente, en terras de Goya. Unha mañá saín de Tarazona para dar unha volta por Aragón e, andadas unhas horas, acabei nunha taberna situada a desmán dos camiños todos. Ofrecéromas segundo pedía de xantar. Resultou unha gloriosa revelación de suavidades e amables amargores. Se chego a ter un pincel a man, é probable que tamén pintase un par de majas. Espidas ou non.