AZNAR retomou os trendingtopics sobre este pobo asegurando que Rajoy ten «capacidade de resolución e capacidades para ser presidente, o que pasa é que ten a súa forma de ser, a súa condición de galego». Deberíamos ir asumindo que o imaxinario español non se moveu un mílimetro a respecto dos galegos, como ben feriu Rosa Díez e cruelmente refrendou Arcadi Espada. Como consecuencia desa visión, non compran a nosa literatura moderna senón llela envolvemos no celofán da néboa, os verdes prados, o contrabando e os percebes da Costa da Morte. Os intentos que houbo por exportarlles os nosos ‘bestsellers’ ficaron en tan infrutuosos coma frustrantes. Houbo intentos beintencionados de asunción por parte de editoras pequenas, pero os volumes acabaron na guillotina dos almacenistas. A editora canguesa Pulp Books, audaz e resolta, está convencida de que hai fendas polas que entrar. Tratan de meter cuña cunha serie de libros, que arrinca con Teresa Moure (‘Querida catástrofe’) e Diego Ameixeiras (‘Dime algo sucio’). A primeira aposta que usarán é a cantidade, é dicir, xerar un volume de obras considerable que o Señor Libreiro acceda a facerlles un sitio na mesa de novidades; a segunda, é entrar como un cabalo de troia: enténdase, presentar libros traducidos para o español como se non o fosen. Evitarémonos, cando menos, aquela sorpresa de Rosa Montero, que Deus a conserve na súa visión da España das autonomías (sic), cando, estando en Compostela, descubriu unha novela de Manuel Rivas en galego. Comentou o positivo de que se lle traducise. Alguén retrucou que era a obra orixinal e ela sorprendeuse: «¡Ah! Pero Manolo escribe en gallego?»