KATE MIDDLETON encargou tres vestidos para a súa voda con Guillerme. A noiva amosa un sentido narrativo que lle vai render no futuro cometido. Semella esta aprendendo ao pé da letra o guión que vai desenvolver o resto da vida porque encarnar un papel no elenco da monarquía británica ten unha amplia dimensión dramática. Middleton comportouse como a produtora de Sin tetas no hay paraíso, que rodaron dous finais: no primeiro, O Duque morría dun balazo en brazos de Cata e no segundo, fuxía con ela. O cerebro humano está programado escoitar historias, sinala José Antonio Marina; pero eu atópoo preparado para que ser excitado con secretos. Hai mañás nas que quedaría encamado para a posteridade, como fixo Proust, de non ser por intuír que me agardan secretos que me van poñer a circular os catro humores clásicos. A clase de secretos tanto me ten, válenme o peiteado de Justin Bieber ou a utilidade do porto exterior da Coruña. Agora hai científicos que tratan de anestesiar unha das miñas intrigas favoritas. Aseguran ter atopados os restos da muller que Leonardo retratou como Mona Lisa. Confían en que o adn revele un feixe de misterios. Soamente falta que nos informen sobre de que carallo está rindo para que se esvaeza todo o encanto desa obra.