A información sobre o que están comendo os concentrados que nas acampadas para pedir Democracia Real escasea. Ás veces escoito comentarios sobre que unha señora investiu 400 euros en churros para os manifestantes da Porta do Sol e outras cousas desa caste que un descoñece se son lendas actuais como a da moza que fai autostop nunha curva. A maioría dos protestantes ronda os 30 anos e, con ese decorado de sofás, colchóns e tendas modelo igloo de Quechua: ou están rodando unha versión española de ‘Friends’ ou son inquilinos de pisos de estudante que botaron as casas pola ventá de xeito literal.

Ando logo preguntándome polo xeito no que se alimentarán estes rapaces. Temo que non deixan de gozar dunha estensión dos menús que adoitan preparar os estudantes agrupados en pisos. A dieta é variada e equilibrada: pizza, hamburguesas e döner kebabs. Unha das estrelas tamén nesas concentracións de universitarios incapaces de cociñar algo que requira unha elaboración máis complexa ca un ovo fritido ou uns macarróns son a modalidade de prato que o meu pai chamaba chatevên con toda a pronuncia gala que era quen de artellar. Chatevên viña sendo un xeito afrancesado de pronunciar xa-te-vin e viña referir eses pratos que procedían dun pasado inmediato e volvían á mesa, como podía ser un caldo galego que se revivía a lume manso ou unha carne asada picada e envolta en empanadillas.

Temo que os rapaces das acampadas deben andar aproveitando e reaproveitando as achegas culinarias que lles fan os simpatizantes. Hai algúns pratos que naceron de reciclaxes, como foron os canelóns, que os italianos empezaron no século XVI a usar para aproveitar os restos dos capóns no século XVI. Estas láminas son o cumio do uso da pasta que lles chegara dende Oriente a través de Persia e das tribos árabes graza aos cociñeiros de Gragnano, cerca de Nápoles, que repararon en que a combinación do vento seco Ponentino e o vento cálido e húmido Vesubiano era unha mestura ideal para secala. A receita básica dos canelóns, tanto recheos de carne como de verdura, é un solar amplísimo sobre o que se edificaron centos de edificios culinarios diversos. Os franceses practicáronlles a enmenda á totalidade engadíndolle a bechamel no século XVIII. Esa addenda traduciuse nunha mudanza integral do seu sabor e máis da súa textura, coa nova apertura de posibilidades que representou, que acabaron de explotar en toda a súa estensión os restauradores da Nouvelle Cuisine. Malia o avance que representaron as sobras na historia da gastronomía, hai quen non lles fai aprecio. Un cura de Ribadeo adoitaba predicar cada noite na casa dun fiel. Como sempre cadraban a evanxelización e a hora de cear, el advertía de que estaba mal do estómago. «O único que me senta ben para durmir é cear pescada do pincho».