Antón (+5) preguntoume “por que os antigos pagaban con pesetas”. Contesteille cunha desas leccións maxistrais que damos os pais cando ignoramos a resposta e queremos evitar respostas que erosionen a nosa autoridade: “Déixate de pesetas e acaba a sopa, que se vai enfriar”. Antón aceptou a constestación coa mesma aceptación sumisa e perplexa coa que se preguntara polo intercambio de moeda dos antigos. Cando menos por un tempo, eviteime confesarlle ao cativo que eu tamén era un antigo que pagaba con pesetas. Daquela o pago con esa moeda servía, a falta doutras fontes informativas limpas, para coñecer o estado de saúde do ditador: pasamos daquela pesetas nas que unha cabeza grande de perfil representaba o poder a outras nas que se miraba a testa magra dun ancián que parecía levar prisa no posado porque tiña que tomarse as pílulas para o Parkinson. Como testemuña dunha vida, as moedas eran máis fiables co NO-DO e, dende logo, máis co Diccionario Biográfico. A cadea de certidumes que nos achegaban as imaxes das pesetas converteuse nunha almoeda plural co euro, que chega ao punto de que resulte exasperante teimar en seguir unha biografía porque un día caeche Cervantes, que vale, que ben, pero a seguinte imaxe é dunha señora vestida de Lucía Pérez en Eurovisión.