A outra noite, mentres enxuagaba os dentes con Listerine, acordei de Montesquieu. Foi pensar na hixiene dental e acordar da hixiene democrática. Montesquieu, ben saben, organizou as cúpulas de poder en tres ámbitos colexiados: executivo, lexislativo e xudicial. A curiosidade por consultarlle pola aplicación levoume ata o castelo de La Brède, onde reside dende que morreu. Os criados indicáronme que Montesquieu aproveitara a mañá fresca para pasear polo bosque, coller amoras e reconciliarse cos cervos. Atopeino nunha volta do Garona, descalzo e cos pés na auga. Prendimos a falar do #15M, unha revolución pousada que lle pareceu suxerente. Aclareille que, pasados vinte días, a maioría dos indignados erguera tenda e peticións; que ían refundar a democracia, pero acabarían refundando Ikea a base de cambiar de sofá por falta de liderado e directrices. Montesquieu deume a razón, recoñeceu que somos intimamente animais e seguimos precisando de que os fortes guíen a manda. Evitei incomodalo máis e puxen unha escusa sobre a saída do voo cara á Lavacolla para deixalo cos seus remorsos, pensando, talvez, en que o poder executivo absorbeu o lexislativo e os xuíces non deixan de ser persoas con preferencias no campo do xantar, no campo de fútbol e mesmo no campo das ideas. Mellor que Montesquieu non o saiba, porque nunca quererá saír do bosque.