Todos os libros sobre Lois Pereiro falan de min, que escribiría o director Jonás Trueba. Ando lendo, con permanente xesto aprobatorio, o audaz perfil do poeta asinado por Mario Regueira ('Lois Pereiro. Unha persecución') sen parar de preguntarme polos paralelismos dimensionais que posibilitaron que as cancións e as películas e os libros que escoitaba, miraba e lía Lois eran case que os mesmos aos que atendía eu, vivindo el en Monforte e eu en Ribadeo. Para percibir esa fascinación que me xeran esas coincidencias, cómpre que lembre que houbo un Idade Escura na que careciamos do Google Ilustrado das Ciencias e as Artes ou, a xeito de anécdota, que eu sintonizaba Radio 3 subindo ao segundo andar da miña casa cun transistor ao que practicaba unha estensión cun cable para que me servise de antena, non sen deixar de afortalar o sinal apoiándoo no riel metálico dunha persiana. Non penso soamente de Fassbinder, Bernhard, Joy Division, The Clash ou Sex Pistols, que ben o sabía; refírome por exemplo aos Deutsch-Amerikanische Freundschaft, Fole ou a Public Image Limited.