MANUEL BRAGADO protagoniza un Café de Redacción en Xornal para ler vagariño: [Dende hai dous anos, pero non só dende hai dous anos, vivimos un certo desacougo, que non desesperanza. O partido gobernante, lexitimado polos votos, está tratando de presentarse como un modelo de recentralización, descontruíndo algúns dos grandes acordos que forxaron a autonomía política dos últimos trinta anos, e isto coincide cunha crise financeira mundial. Agora ben, eu son moi crítico tamén cos partidos da oposición. En dous anos foron incapaces de configurarse como alternativa real.

Hai que apostar en cada momento pola hipótese máis favorábel, e talvez na nosa desesperación teñamos algunhas veces saudades daquel periodo (fraguismo). Hai dúas medidas moi importantes para o noso sector que arrancaron na súa última lexislatura, iso si, sometido a unha gran presión cidadá: o consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística e a Lei do Libro e a Lectura, que o bipartito vacilou á hora de poñer en vigor.

Hai programas de dinamización da lectura da Secretaría Xeral de Política Lingüística que este ano funcionan con partidas un 50% máis baixas. Aínda que moitas veces se considera o da edición un sector subvencionado, a porcentaxe de axudas públicas é moi inferior á doutros sectores como o da automoción, contra o que polo demais non teño absolutamente nada. Nós facturamos 33 millóns de euros ao ano, e as subvencións non chegan a 1,5 millóns. No caso do libro en galego, aínda menos: apenas 1,2 millóns nunha facturación de 22 millóns.

A edición en papel para o ensino supón o 50% do negocio. Se iso cambia, cambia o 50% dos 33 millóns de euros que facturamos. Por iso unha das maiores tensións que temos neste momento é o chamado Proxecto Abalar. PP asume un modelo que supón unha confrontación constante co sector, pero nós tampouco podemos deixar de participar nese proxecto.

O entusiasmo non se crea con discursos de oportunidade dicindo que estamos do lado dos indignados. Máis medidas para o entusiasmo? Que aparecesen novos actores e novas actrices nos carteis electorais. Hai moita xente que os está a agardar.

O bonocultura do País Vasco, por exemplo, foi un éxito. O Goberno e as caixas –daquela tiñan tres– investiron 800.000 euros para pagar 15 de cada 40 euros do bono, válido para mercar libros ou ir ao teatro durante un tempo determinado. A medida conseguiu incentivar o consumo cultural.

Aquí valoramos as cousas cando as perdemos. Agora todo o mundo ten saudades de Vieiros e Galicia Hoxe. Quen eran os anunciantes deses medios? Aí están as hemerotecas.

O goberno tripartito de Cataluña en 2008 subvencionaba un número moi importante de subscricións a periódicos a aqueles cidadáns que cumprían 18 anos. Considerábase que a información formaba parte do acceso á cidadanía]