MARÍA VAL, sobre Xornal: "OS QUE SE ALEGRAN, SÓ TEÑEN UNHAS HORAS DE FESTA"
MARÍA VAL, directora de Xornal, despídese en papel co artigo Imos contar verdades, desdecindo a McLuhan: [Pero Xornal naceu e continuou, damos fe os xornaleiros e as hemerotecas, cun único propietario: o xornalismo independente, que é o que se nos permitiu facer. En Xornal non lamentamos as subvencións perdidas porque nunca as tivemos. Non lamentamos os insultos groseiros dalgún conselleiro personalizados nos nosos redactores, nin as ameazas dalgún xefe de prensa da Xunta aos nosos profesionais, porque acertamos. Lamentamos, iso si, que parte do Goberno se negase a pisar Xornal para dar contas das súas xestións aos nosos lectores, porque é de covardes. Quen non estivo aquí foi por decisión propia, non pola dun xornal que nunca os calou, pero si que deu voz a quen en Galicia desde moitos ámbitos quixeron enmudecer. E lamentamos, como non, os millóns do diñeiro público que van parar ás mans de quen ás veces traduce a realidade en sucesos, vacas de tres cabezas e osiños perdidos na urbe. Moitos xa choran por nós, porque o papel, nesta Galicia de moi pouca banda ancha, se fai país desde os bares, as cafetarías e as bibliotecas. Pero nós non choramos en público, porque a honestidade profesional levámola nas nosas alforxas, é estas vanse para a rede. Os que agora se alegran pola nosa marcha só teñen unhas horas de festa, porque o que conta non é o soporte, é a mensaxe.