Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
5 août 2011

OS PREMIOS DA CRÍTICA RENACEN SEN DAR SOTERRADA A POLÉMICA ENTRE OS FUNDADORES

A entrega dos premios da Crítica de Galicia foi presentada onte polo presidente da entidade convocante, Bieito Ledo, como unha «refundación», sen lograr apagar as faíscas da polémica co seu antecesor, Xosé González. A desputa provocou que este ano non se concedesen arredor das Letras Galegas, como adoito, e se trasladasen ao vindeiro día 22 de outubro. Ambos os dous tomaron parte activa na creación destes galardóns en 1978, que se fallaron sen maiores atrancos durante 33 anos nun devalar interrompido na pasada primavera.

A primeiros de maio, o entón vicepresidente da fundación Premios da Crítica de Galicia, Bieito Ledo, prendeu a alarma advertindo da elevada probabilidade de que non fosen convocados. Acusaba ao daquela presidente, Xosé González, de querer disolver a institución e, por riba, de facelo dun xeito que incumpría os estatutos. A maiores, denunciaba o seu inmobilismo por levar unha década sen convocar á directiva para anovala «ante a posibilidade de perder o control da entidade». O máximo responsable, que padecía unha situación persoal preocupante na altura, acolleuse ao silencio diante desas acusacións.

Nos meses anteriores ao estourido, algúns patróns cesaran; entre eles, o ex conselleiro Xabier Suárez Vence; o presidente de Terras Gauda, José María Fonseca; Paulino Novo ou Modesto Hermida. Ledo apuntara que por diferenzas con González, «e non comigo, coma dixo el. Estaban mal a gusto e marcharon». Porén, o ex presidente reafirmouse onte nas súas impresións convidando a Ledo a amosar «os correos que lle mandaron algúns deles». Engadiu que «o 98 por cento dos que estabamos aí marchamos e quedaron dous: Antón Pulido e Ledo».

Andando o pasado maio, houbo contactos e xuntanzas separadas por ambas as partes. Contra o remate do mes, Ledo asumía a presidencia —que desempeñara nos primeiros quince anos— e Antón Pulido, a secretaría.

Xosé González insistía onte en que «os que marchamos eramos maioría e, a pesar de selo, e de poder ter unha postura distinta, decidimos marchar porque non queríamos entrar en batallas inútiles cun megalómano que non ten proxecto». Reforzou a súa posición lembrando que «houbo fiscais, policías e membros da Real Academia Galega que marcharon de aí». Facendo aparte da confrontación, a fundación daba a coñecer onte unha foto ampla da nova directiva con numerosos debutantes, sendo a novidade a aparición de mulleres e de persoas menores de corenta anos.

Bieito Ledo trataba antonte de desactivar a controversia «e mirar cara ao futuro», pero ao cabo aceptou explicar a súa visión sobre a remuda de xestores, que conlevou a rutura dunha «amizade de trinta anos» con Xosé González. O agora presidente argumentou que «no país había a convición de que había que manter os premios da Crítica por riba doutras cousas», o que pesou na súa determinación de fomentar que se convocasen e de apartar o amigo de vello da fundación que os promove.

A consecuencia foi, nun ámbito persoal, o remate desa relación, con Xosé González. Ledo recoñecía que foi un «amigo co que compartín e inventeu moitas cousas». «A amizade fundaméntase en principios e cando os principios fallan, acábase. A vida é así, desgrazadamente», aseverou. Non embargantes, advertiu de que no seu caso, a relación quedara en vía morta «tres anos antes». «Dende logo, non foi un cabreo de última hora», engadiu. Con todo, o presidente confesou que «foi duro» e asegurou que intentou «por persoas interpostas, que houbese concordia e paz, pero non foi posible». Xosé González retrucou onte que «eu nada sei de ‘persoas interpostas’».

Cando se lle pide a Bieito Ledo que reflexione para elaborar un balance do acontecido, teima na seguridade de que actuou coherentemente. «Eu era vicepresidente. Era a miña responsabilidade», afirmou antonte.

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 574
Publicité