Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
7 août 2011

XAN GUINDÁN: "PODEMOS TER UN DXITAL en GALEGO CON POUCOS TRABALLADORES, POUCAS HISTORIAS BEN TRABALLADAS E MOITAS COLABORACIÓNS"

XAN GUINDÁN, lúcido, realista e ilusionado, en A Revolta Rockeira: [O futuro do xornalismo pasa por internet, e no caso galego non vai ser menos.  Neste contexto, volvermos teimudos sobre as publicacións en papel semella un erro. Mais o mundo de internet non é tampouco nada doado. Existe un serio problema co modelo de negocio que aínda hai que sortear. Mentres os grandes títulos internacionais tentan achar cal vai ser o mellor xeito de reconverterse en empresas reníbeis, no noso pequeno recuncho do mundo precisamos dunhas ideas sinxelas que nos dean para ir tirando. De entrada penso que debemos ser humildes co alcance que debe ter un medio deste tipo. A todos nos gustaría ter unha cabeceira en galego para enterarnos de todo o que pasa no país, desde economía a deportes, pasando por necrolóxicas e sucesos. Mais sexamos serios, iso non é factíbel. Polo menos de momento. Ao máximo que podemos aspirar a curto ou medio prazo é a ter un medio pequeno, con poucos traballadores, que elabore unha información de moita calidade sobre un número reducido de temas. Cando penso no futuro dos medios sempre acordo do The Huffington Post. Poucas historias, ben traballadas e con moitas colaboracións. Neste país temos unha chea de excelentes blogueiros especializados en temas do máis variados e aos que habería que implicar nun proxecto dixital común.

Mais aínda que apostemos por un medio modesto, precisamos sacarlle algúns cartos.  Vilaweb, que sempre foi un exemplo de xornalismo dixital en linguas minorizadas, acaba de lanzar un sistema de doazóns para implicar aos lectores. A cambio destas axudas o medio oferta algunhas contrapartidas como descontos en cursos ou o dereito a participar en xuntanzas da dirección do xornal. Marcos P. Pena escribiu bastante no seu blog sobre este sistema de micro-mecenas, así como doutra vía de financiamento con moito futuro: a publicidade local. Os medios galegos non achegan ofertas atractivas en internet para os pequenos anunciantes, a pesares de que este soporte permítenos segmentar os usuarios e ensinarlles unha ou outra publicidade en función da súa localización e intereses.

Por último, e non por iso menos importante, está o tema da comunidade. Un dixital en galego e de calidade ten que facer unha aposta seria por crear ao redor de si unha potente comunidade virtual. Se ollamos para medios de vangarda como The Huffington Post (si, outra vez) veremos que aí está a clave do seu éxito. A integración coas redes sociais é imprescindíbel a día de hoxe e non só para aumentar a difusión das nosas historias, senón tamén para recoller opinións, correccións e achegas dos lectores a respecto dos nosos produtos. Cómpre entendermos a información como un fluxo en constante movemento, podendo nutrirnos de material e datos que veña do noso público. E pensando nos lectores, un bo dixital ten que ser flexíbel na súa estrutura, permitindo ao usuario organizar o seu perfil en función dos temas e dos autores nos que máis interesado estea.]

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité