Os capos da Mafia de Philadelphia dos primeiros anos 80 eran devotos cultivadores da semiótica. Non se limitaban a asesinar aos rivais, senón que explicitaban o motivo valéndose dun sinal. Teñen esmagada cun bate e unha barra de ferro a cabeza de algún inimigo, que despois aparecía cun billete de 100 dólares delicadamente enrolado e introducido no ollo do cu a xeito de estandarte. Indicaban que o desbordara a súa ambición.

O fascinante espectáculo televisivo que nos ofreceu onte Telecinco, hipnotizando a Víctor Sandoval para que revelase os seus sentimentos máis escuramente intestinais a respecto de Nacho Polo, os seus compañeiros de traballo en plató e a súa ambición na pléiade do sentimentalismo catódico, axudoume a descubrir unha nova fronteira na capacidade, que sospeitaba de dimensións galácticas, para mesmo expoñer abertamente o ollo do seu cu emocional. A recompensa eran uns milleiros de euros, uns saúdos na rúa e algunha mesa sen reserva nun restaurante.

sonetos-de-shakespeare-reducido-ao-37O episodio lembroume ao que lle lin a Shakespeare -a través, con extrema calidade, de Ramón Gutiérrez Izquierdo, para Xerais-:

"Pois se desesperase iría enlouquecido,

botando de ti pestes por mor desa demencia.

O mundo de hoxe en día volveuse tan maligno

que o necio presta oídos á insá maledicencia".