UNHA CITA A CEGAS ENTRE A UPG E TELE5
Alguén debería organizar unha cita a cegas entre a UPG e Tele5. A cadea ten constrastada a súa capacidade de tirar un cartel electoral dunha caixeira de supermecado ágrafa e vai demostralo unha volta máis con Mario Vaquerizo, un home sen atributos alén unha vocación travesgresora e unha sede de reinado na consulta do dentista. A marcha de Quintana suma outra aceptación da derrota por parte dun cuché que se convenceu de que sería capaz de comprender as lecturas da ortodoxia e asemade bailar pasodobres coas vellas. Mesmo chegou a soñar con que os variopintos electorados do Bloque (no abano dende o marxismo ao liberalismo compasivo, dende o arredismo salvaxe ao autonomismo benintencionado) aceptarían nas urnas esa cabeza de dúas facianas. O nacionalismo revive horrorizado o seu sebastianismo, ese déjà vu saturniano que o empuxa unha e outra vez, cadrando o período electoral, a crear un personaxe que atraia as cámaras, para, pasadas as votacións, inmolalo na pira na que arden os carnets de militante de base. Pasou con Beiras e aconteceu con Quintana. De ser eu Martiño Noriega -afasta de min ese cálice- iría metendo as barbas en auga.