CONDE ROA, PERFECTO FEIJOO
O desprezo de Conde Roa cara aos culturetas divertiume ao primeiro, pero logo empezou a preocuparme. A súa saída de estrada discursiva foi formulada polo alcalde de Santiago (non vou citar a Goethe loubando a nosa capital, ben acordan) e non por un lexionario coruñés en horario de docencia. O rexedor compostelán non semella ser precisamente parvo nin ter o cultivo intelectual dun militar de cuchara. Por iso me inqueda. Non hai un can, podería recoñecer Conde Roa, e ata o comprenderíamos intimamente, malia que despois tuiteásemos condeas abismándoo como traidor á patria. O alcalde santiagués sabe o valor da estética porque el usouna con aquel disfrazarse máis de gravado para álbum ilustrado de Rexionalismo ca de Perfecto Feijoo. O boticario pontevedrés aturou chanzas inesgotables por vestir de pailán porque entendía o valor da cultura, que eleva a persoa uns milímetros por riba do mecanicismo e da realidade material. En fin, non sigo, Xerardo ben sabe de que falo.