Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
30 août 2011

CANTANDO, ESCACHANDO, BALCONEANDO

Este luns non estou para ninguén. Ando mimando na miña resaca dunha festa de pixamas. Organizouma a miña filla e convidoume. Sospeito que o fixo polo mesmo motivo polo que se invitaba a tantos feos aos guateques dos 70: poñía a casa. Desconfío de que a cativa valorase algo máis para asistir eu a un after-telexornal para menores de dez anos. Cos meus pequenos -teño de 9 e de 5- sempre me apreixa no peito a sensación de ser un safety car, de ser paciente guiando neles a modo pola pista mollada por un trebón ou cun coche cruzado, cando todo o que arelan é que me faga a un lado para lanzarse á vertixinante carreira da adolescencia. A rapazada de agora argalla requerimentos que nin soñabamos hai catro décadas. Daquela, insistiamos ata o berrinche aos nosos pais para que nos asinasen a autorización remitida co selo da Organización Juvenil Española.NIOD01_AF0825_W O planazo daqueles estíos de praia inmutable, e cadea e media televisiva era subir e baixar piñeiros, esnafrarse cunha tirolina e cantar temas de Bob Dylan aseados con letras católicas nun campamento. O meu pai, que era un señor sensatamente de dereitas rexeitaba que aos seus fillos padecesen adoutrinamento duns individuos hormonados con iugos e frechas, polo que nunca asinou un permiso. As actividades físicas da OJE mudaron ata acadar a radicalidade nestes tempos. O que cómpre agora é roubar televisores Samsung tras escachar un escaparate ou dar cos ósos rotos na UCI despois de errar no salto dende o balcón hoteleiro á piscina. Os tempos están cambiando, xa o cantaba Bob nunha desas letras que nos cambiaron aquí por algo de Señor, sin dudarlo, has dicho mi nombre, ou algo así.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité