clon soldierO 20-n volverei mirar Star Wars, eu souben que o actor que encarnaba a Darth Vader era Francisco Franco, dende que asistín á película nos cines Astoria de Bilbao, por volta do 77. O éxito mainstream do Generalísimo, un señor xeneralisimamente vulgar cunha visión mediocre e unha formación intelectual de vella escola militar que cheiraba a alcanfor cuartelario e morriñas colonialistas, sempre llo atribuín ao aire que se daba con Edward G. Robinson, un extraordionario actor que sempre facía de malo adscrito á brigada político-social. Por iso, mesmo entubado, o pequeno besbello de Ferrol tiña quen levantara o brazo baixo a súa advocación; supoño que con ánimo de transmitirlle unhas ondas vibratorias positivas tipo reiki, ou algo diso. Certo que os soldados clon que lle mantiñan o réxime cando o Marqués de Villaverde andaba facendo as prácticas de Medicina no seu corpo estragado argallaban as súas trampas. Unha pouco coñecida era aquela imaxe de NoDo con Paco atravesando a Gran Vía bilbaína que entrefebraban coas dunha multitude recibindo en gozos e albas ao Athletic tras impoñerse nunha Liga de España. O asunto é que Franco mantivo o seu aura ata ese 20-N en que o desenchufaron porque xa cumprira o Récord Guinness dos ditadores que viven en vexetal, cadrando co fusilamento de José Antonio polas gavelas marxistas. Patxi López, que ten bastante máis calidade como lector ca como xestor, reclama agora a Bildu “que lle quite o resplandor a ETA”. Supoño que o resplandor ao que se refire, coma a aura de Franco, será o de Kubrick porque outro resplandor non lles atopo aos gudaris de non ser o brillo dos dentes de Jack Nicholson abríndose paso a machadas nun hotel perdido na nevada.