CONVERSEÉ PENSAR EN Noam Chomsky e darme a risa. A culpa non a ten el, que graza ten pouca, nin sequera é cousa da lingüística xenerativa. Ríome porque se me pon a soar no Spotyfy da cabeza a canción de Astrud: ‘Noam Chomsky se ha enamorado de ti’, que imaxina ao profesor namorado coma un becerro dunha rapaciña de Valencia. Xa ven, Chomsky preocupado en requerir a atención de Bush e os Astrud facéndolle as burlas, fantasiando con que xa nin colle o teléfono aos anarquistas porque arela que unha adolescente o engada no Messenger. Ás veces non é mala toda esa desmitificación. Hai demasiados rapaces campeando con botíns de John Smith brancos polos campus universitarios, hai demasiados mozotes abríndose as veas por América Latina con Eduardo Galeano e apagando lumes como se fose a extrema unción, como cando Suárez Canal montou unha cociña americana en Medio Rural porque que era inconsciente da ineficacia de tal exceso de responsabilidade. En casa somos máis de Zizek, porque o esloveno sabe que ser pensador esquerdista nestes tempos é bastante semellante a ser charlatán astrolóxico no late-night televisivo: a xente está máis por comprender a factura da luz de e-On que porque lle debuxen o futuro en naftalina. Chomsky non se rende nin a Astrud nin ao desencanto e escribiu ‘¿Existía algunha alternativa?’, que agora recupera RBA xunto con ‘11/09/2001’. A berrea de Bin Laden pechou a trama aberta co atentado de Nova York valéndose da lóxica básica dun guión de Silverter Stallone, pero Chomsky encheuse de cousas que dicir.