Os nosos representantes públicos deben de andar con mala conciencia. Non me explico doutro xeito ese empeño en quitar a colada do cesto para amosarnos que eles tamén deixan manchas amarelas e agochan hipotecas a medio pagar no seu backstage patrimonial. Supoño que tratan de imprimir un leve cheiro a vulgaridade nas súas imaxes rampantes. Mesmo un home inflexible e xusticieiro como era o vicepresidente norteamericano Dick Cheney humaniza a gobernanza recoñecendo nas súas memorias, 'No meu tempo', que unha vez agromaron unhas bágoas no seu despacho: escapáronlle a Condoleeza Rice porque Cheney “tiña razón”. As memorias dos políticos son sempre libros compactos porque a súa finalidade é demostrar que acertaron cando acertan, pero tamén cando erran. Non moito mellores son os ensaios dos autores que reflexionan sobre política. Noam Chomsky tamén entoa o seu “eu tiña razón” en 11/09/2001. ¿Existía algunha alternativa? (RBA), onde reúne reflexións que exercitou meses antes uns meses despois da matanza do World Trade Center con outras deste ano, posteriores ao asasinato de Bin Laden. Chomsky mantén unha actitude altiva a respecto dos visionarios de Administración Bush, aínda que revela cuestións como que o líder de Al Qaeda “sabía pouco do mundo, nin lle interesaba” porque deixa esa xeira para Alá. A situación aínda pode empeorar. Harold Bloom advertía na presentación do seu novo libro A anatomía da influencia sobre o ideario dun probable futuro presidente de Estados Unidos, Rick Perry. “Nega a evolución e o cambio climático”, denunciou. A min, o primeiro asunto non me preocupa porque é pasado, pero o clima é o futuro.
lundi 12 septembre 2011
AS BÁGOAS DE CONDOLEEZA
Commentaires sur AS BÁGOAS DE CONDOLEEZA
Nouveau commentaire