radiador-estelada_designAlbiol decidiu converter a casa consistorial de Badalona na fachada dun hotel na mesmísima Diada con esa proliferación de bandeiras. Eu comprendo que un partidopopular suspenda unha celebración que vai contra a súa visión do Estado, malia que sexa un señor que respecta todas as identidades (que non sexan romanesas). Cataluña é un país peculiar porque reserva a exaltación nacional para o cabodano dunha derrota. Agora ben, unha cousa é que un colectivo se dedique a si propio un réquiem flaxelante e outra que veña algún dos seus representantes a salgarlle a ferida. Albiol podería ter optado pola vía Azkuna de retirada de toda enseña, respectando así o valor que cada unha delas ten para cada quen, pero preferou exhibilas todas por xunto para anularlles o valor simbólico e, no día no que o fixo, reivindicativo. Malia a tour de force albiolá, Cataluña semella encarrareirada cara á independencia, polo que soamente é un asunto de discutir horarios de chegada á estación de destino. Unha gavela do independentismo esquerdista teima en actos exacerbados, baleiros de mensaxe por reiterados; mentres a dereita soberanista continúa sentindo a agradable sensación de que un chófer lle abra a porta do coche oficial á espera de que lle franqueen a porta da Moncloa para entrar de par co presidente español nunha retranqueira vinganza que lembra á entrada violenta de tres séculos atrás. O ceo pode agardar. Un chisco Mas.