DE QUE ESTABA FEITALittle_Red_Riding_Hood_by_Markvelasquez a torta coa que a nai de Carapuchiña Vermella agasallaba á avoa da cativa? É algo que me cuestiono dende neno, por curiosidade gastronómica elemental. Nunhas das versións tempranas, Perrault nos refire que a pequena leva «unha torta e máis un tarro de manteca» da aldea na que vive ata a da avoa materna da cativa atravesando un bosque.

Como daquela non gozaban deste exotismo de hipermercado actual, temos que supoñer que a nai da rapariga botaba man ao redor no tempo de cociñar. Ao vivir ao pé dunha braña, botaría man de froitos silvestres como morangos, arandos, framboesas e amoras. Avanzando uns pasos máis no incerto terreo da especulación, podemos dar por suposto que a torta era un biscoito, quizais un pudding.

Como teño a liberdade para escoller o tempo no que se produciu á visita, toda vez que Perrault soamente nos indica que era «no tempo do rei que rabeou», vou imaxinar que cadraba con este no que amaina a calor estival

Se respectamos as crenzas tradicionais, deberemos aproveitar o que nos resta de mes porque, a partires de San Miguel, o 29 de setembro, non se deben coller amoras; segundo nos conta Xesús Fraga, en 50 recetas con moras y otros frutos silvestres, que vén de publicar Henrique Alvarellos.

Aquel estarrecedor día no que Lucifer foi nominado para abadoar o Paraíso, a brigada de arcanxos executou a extradición. O demo foi caer nunha silveira. Como vinganza, a partires da festividade de San Miguel, Lucifer mexa por toda canta silveira atopa. Debemos considerar que o xofre de Satanás ten que ser calidade.

O doce destinado á avoa de Carapuchiña ben podía ser un ‘pudding para despedir o verán’. O nome orixinal da receita ‘summer pudding’, pero Fraga propón unha variante desa sobremesa tradicional británica que Susan Campbell chama ‘autumm pudding’ no seu libro ‘English cookery old and new’. Os ingredentes son pan de molde, froitos variados —el propón moras, arandos e bagas de sauco— e azucre. A pulpa desas froitas acaba empapuzando o pan e tornándoo de cores vermellas e violáceas escuras que imitan esa cores violentas que adoptan ás veces os últimos ceos estivais.

Cinguíndonos ao conto de Perrault, probablemente, Carapuchiña Vermella se chamase Le Petit Chaperon Rouge e fose unha rapaciña coa cara doce de Audrey Tatu nas primeiras películas, ben antes de ‘Amelie’ e toda a sona internacional que lle reportou.

Daquela, e continúo paseando pola proposta de Xesús Fraga, inclinareime por pensar nun ‘cafloutis’, unha sobremesa típica de Francia. Nesta receita adoitan usarse cereixas, aínda que propón amoras, framboesas ou arandos.

Aínda estamos a tempo de saborear unha destas propostas antes de que nos pape o lobo, que era o que lle acontecía a Carapuchiña na versión primixenia.