white-bottle-capsUn amigo imitábao como se gozase dunha ósmose feliz con el. Sentaba a unha mesa cilindro do papel de cociña por micro, acobadábase e estricaba os dedos índices coma se xogase a pinchar globos soltos polo aire; erguía levemente a parte central das cellas e adiantaba os beizos acusatorios. Agora o imitado está revolucionándoos, agasallándonos con autovías, altas velocidades, estradas secundarias, aerorportos, e, en Lugo, accesos á cidade, pontes -prometidas cando Franco era rei de España- e depuradoras. As motivacións serán obscenamente electorais ou romanticamente rexionalistas, pero non serei eu quen rebusque nos contedores para sabelas. Nin os corenta anos do ferrolán nin os dous do ribadense nin os de moitos outros desprezando ao seu país, como temo que volverá ocorrer, terán unha motivación máis presentable. E como lle lembro ao meu amigo para amolalo: el subiu ata onde está e nós seguimos acó.