GRECIA NON é Lugo, din os gobernantes para tranquilizarnos. Un día, xa de adulto, decidín crer nos políticos coma eses amoríos que un atura por non comer as bolsas de patacas en solitario. Máis ca nada por aforrarme disgustos, que ben me chega o recibo do IBI. Agora, un político asegura que a crise helena non ten un aire coa nosa e asinto. No caso grego mesmo é certo. Nada o asemella a Lugo, e non o digo polos iogures, no que estamos lonxe do seu acabado. Eles non poderán pagar a calefacción, pero valoran o seu sistema filosófico e o Partenón segue sendo contemplado por visitantes marabillados coa elevación convexa da planta. En Lugo, asistimos ao derrube da asociación María Castaña por falta de gañas ata para encher o fol; mesmo consentiremos que unha empresa de mudanzas traslade o seu patrimonio, o noso patrimonio, ao Museo do Pobo Galego. Ben mirado, Santiago queda a cen quilómetros e calquera ano teremos autovía para visitalo entre remorsos e indiferenzas. Deixamos marchar unhas mostras valiosas do noso adn, e parece non importarnos, como se toda pena puidese abastala o talento de Quique Setién. Os lucenses deixaron de quererse, e empeza a acontecer cos que nos inventamos unha infancia na cidade a falta dun pasado real. Alguén que acabou sendo tan lugués como Alonso Montero vendeu os fondos literarios que lle quedaban pola casa ao mellor postor, que, coma sempre, é Baltar.
vendredi 23 septembre 2011
LUGO EN NADA SE ASEMELLA A GRECIA
Commentaires sur LUGO EN NADA SE ASEMELLA A GRECIA
Nouveau commentaire