Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
25 septembre 2011

OS DE BILBAO NON COMEMOS ESAS COUSAS

DESCONFÍOArroz-de-Pulpo-Cebolla-y-all-i-oli-de-tinta-2 DAS COUSAS de consumo masivo agás a Coca Cola e as postas de sol. Todo o demáis que agrada a un colectivo é para pensalo con detemento. Moitas veces é unha desconfianza sen fundamento, como aquela avoa vasca do meu amigo Federico. De vella, estaba unha tarde deitada na cama, agardando resignada a sentir a brisa lixeira e fría que anuncia a morte. Na casa cociñaban pulpo e alguén brindouse a ofrecerllo. Achegoullo ao dormitorio, pero foi velo diante e acordar á vida nunha expresión brava de noxo: «Os de Bilbao non comemos estas cousas».

A reacción en nada me sorprende porque o pulpo foi campo de traballo gastronómico propio dos galegos durante séculos e mesmo observado cunha desconfianza exótica polo resto de comensais.

pulpoMoita fame tiña que estar padecendo o primeiro home que decidiu enfrontarse culinariamente a ese bicho que a evolución esqueceu de eliminar. Agora coñecemos a potencialidade de sabores do pulpo, pero recreemos arestora a aquel home que encarou por ver primeira o pequeño monstro grisáceo de oito patas pegañentas, cabeza deforme e ollos prestos a lanzarse dende as órbitas ao baleiro. De ter un pouco de dignidade estética, tería prolongado o seu xaxún ata a vindeira colleita. Pero optou por mergullalo nunha pota nun bautismo fundador dunha relixión pagana á que en Galicia nunca se deixou de render feliz culto.

Ignoramos o seu método de cocción, pero imaxino que ese primeiro pulpeiro usaría unhas moedas de cobre como as tres que botaba o meu pai na auga violácea que bulía. O iniciador do cefalopodismo culinario debía de vivir no tempo dos romanos proque o meu proxenitor nos contaba aos cativos que as tres chapas que acompañaban ao animal no seu derradeiro baño fervente eran desa época.

O pulpo andaba tanto pola nosa cociña que, a falta de outra mascota comestible, acabou sendo un animal de compañía. De feito, adoito comelo ao longo do ano someténdome unicamente ao ramadán abstinente por estas datas de San Froilán e multitude que se nos botan enriba. Poida que sexa unha teima miña como a que durante demasiado tempo me mantivo abstemio de Coca Cola.

Tanta insistencia pulpeira acabou sendo determinante na miña vida. Nunha visita a Braga no 2001 a muller e seguro servidor cumprimos a recomendación de xantar en Casa Pimenta, no Campo da Vinha. Polo que me acorda, o local non tiña máis xeito ca calquera bar con mostrador de aluminio, barras de luz insuficientes, azulexo reclamando lixivia e camareiros vociferantes suando camisas brancas. Pero o polvo assado na brasa con arroz... iso compensa tanto déficit de atención. Foi probar aquela delicia que me catapultou coma un elevador ao alto do Empire State e, asemade, liscar a miña muller cara aos baños. Fiquei perplexo. Tardei nove meses en comprender o motivo da súa carreira. O motivo chámase Sara.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité