adlon-hotelO acento co que falan os vellos hoteis fascíname. Gústanme eses hoteis que ocupan mazás completas porque os reformistas de primeiros do século XX os deixaron como tarefa pendente mentres derrubaban rúas completas ata acabar por esquecelos. Eses hoteis falan tantos idiomas como bandeiras exhiben na fachada. Indubidablemente, tanto pendón procura ofrecer unha aperta identitaria ao cliente, pero o seu acento é sempre felizmente idéntico: o de lugares que son humanos pola cantidade de persoas que os formaron a base de gozalos durante décadas. Hai un par de meses sorprendín ao meu fillo falando con entoación nidiamente madrileña. O problema non era a expresión altisoante que emitía, senón que o meu Antón ten pouca máis relación con Madrid ca con Setúbal. A entoación supoño que lle vén do parque estival, do roce con prototipos de cristiano-ronaldos e özils, pero eu preferiría que o rapaz exhibise un marcadísimo acento galego para que non lle comprendese Mas. Aínda que inoportuna, a apreciación despectiva do president é xustiza poética de cara a todas esas persoas que fan esforzos logopédicos por esborranchar a bonita montaña rusa coa que nos comunicamos nesta terra. Eles veña a vocalizar neutramente e o honorable veña a afearlles os desniveis. Cando escoito referirse aos acentos penso naquela emisora de radio, que, ignorando a existencia de idioma propio no país, remarcaba que traballaba “con acento galego”. Xa vemos en que nos quedou o acento, en que Miguel Ángel Fernández Ordoñez nolo recurtase ata un mísero 6,8 por cento. Ben mellor nos tería sido atender a unha linguaxe de nós e deixarnos de pretender ser acentos.