DORRIBO TIRA DO TOP MANTA
Jorge Dorribo ameazou hai tempo con "tirar da manta" se non o quitaban do cárcere. Desconfío de que a xuíza que o meteu vai rebaixar un grao da súa determinación pola ameaza de tirón, pero el amaga, que maior ocupación non debe de ter. Polo de agora, arramplou con dous posibles candidatos a presidentes da Xunta e cun conserxe parlamentario. Dorribo, que ten algúns trazos hemingwayanos, disparou varios cartuchos a pezas que están en tempada ata o 20-N. Pero -regreso a onte- son tantos os homes, os homiños, os macacos e máis os macaquiños enzoufados ata a náusea no seu emporio matrixiano que non deixa de florecer nomes: onte era Cacharro, hoxe Luis Moya -"¡Trata de arrancarlo!", debe de andar berrando ao avogado de Dorribo-. E aínda faltan uns cantos... En Lugo estamos en San Froilán, cos manteiros cubrindo a avenida de Ramón Ferreiro do Senegal a base de impostura de marcas e rostros tallados na negritude. O top manta dos pobres organiza agora a sociedade que vive no centro, regula o tráfico e mexa (case literalmente) por nós. Dorribo seguirá tirando da manta, ata o top, porque ninguén lle aprendeu a camiñar para atrás.




http://www.elpais.com/articulo/andalucia/Justicia/castrada/elpepiespand/20051229elpand_7/Tes
http://www.google.es/search?source=ig&hl=es&rlz=&q=estafa%2Cestafado+plusbalia+y+administraciony&aq=f&aqi=&aql=&oq=&safe=strict#hl=es&pq=estafa%2Cestafado%20plusbalia%20y%20administraciony&xhr=t&q=estafa,estafado+plusbalia+y+administracion&cp=42&pf=p&sclient=psy&safe=strict&source=hp&aq=f&aqi=&aql=&oq=estafa,estafado+plusbalia+y+administracion&pbx=1&fp=1&biw=1280&bih=832&bs=1&bav=on.2,or.r_gc.r_pw.,cf.osb&cad=b