MAEVE BRENNAN confesaba que «se houbese un disturbio levaría un pedrolo a Madison Avenue, pecharía os ollos e tiraríao, porque a penas hai un escaparate que non conteña algo que desexo». Brennan, intuía que a sociedade prepara o crime e o delincuente cométeo. Ela foi preparada pola sociedade para ser sofisticada. De feito, con 27 anos, en 1949, foi vivir a Manhattan, a zona mmaeve brennanáis elegante daquel Nova York ruín que nunca visitaba. Facer unha excursión pola miseria dos demais dáballe preguiza, confirmaba a escura sensación de que o resto da cidade non fora abondo civilizado. O fotógrafo Karl Bissinger converteuna nunha das protagonistas dos seus carretes. Hai unha imaxe moi simbólica de Maeve Brennan retratada dende o interior dunha tenda mirando un escaparate, unha escea reproducida por Blake Edwards con Audrey Hepburn para a versión moral de Almorzo en Tifanny’s. De feito, especúlase con que Capote a retratase como protagonista e tamén hai quen albisca trazos de Brennan en Sexo en Nueva York, como autora da sección The talk of the town, para o New Yorker. Ediciones Alfabia vén de reunilas en Crónicas de Nueva York, o dietario dunha muller que debería chamarse Soedade. Eses textos sitúana por riba das ficcións Holly e Carrie Bradshaw. Maeve Brennan foi máis ca un personaxe. Nun dos seus contos, O terror sagrado, unha señora irlandesa que atende os lavabos dun hotel goza metendo medo ás descoñecidas. The New Yorker procurou aloxamento e comida para a súa columnista cando se puxo vella, pero Maeve optou por empadroarse no cuarto de baño e atemorizar ás secretarias. Toda unha señora irlandesa.