A Lexión circula "a 180 pasos por minuto y un solo corazón", segundo exclama Intereconomía, cos seus redactores nun rapto de tumefacción española que lles vai no punto 3 do contrato. Aproveitando que o gran centro comercial pecha por festivo, cítome cunha casada na área de servizo de Guitiriz -que, en Madrid degradan coma 'gasolinera'(sic)-. Que non anote Pedrojota, que a casada coa que me citei é a miña muller. Detéñome nesa área de cando en vez, raramente porque me resulta cara. Nunha desas paradelas merquei un tomazo coa correspondencia de Capote. Como hai uns días lle comprei a Carlos Coira unhas reportaxes de Mailer, foi escoitar a Pachi Vázquez no Hórreo e acordárseme o Norman. O estilo do noso Xefe da Oposición é igual de brañeiro, improvisado e botaporfóra co de Mailer, soamente que a unha biblioteca de distancia. Enfronte, Feijoo contesta con máis elegancia, máis ao xeito de Capote, erguéndose sobre as puntas dos zapatos castellanos para estricar unha volta máis a súa figura lanzal. Porén, a razón lévaa toda Vázquez, porque tanto ten o lugar no que reuniu o presidente co Gran Gatsby, o cerne é que se lle concedeu unha subvención; mentres que o noso La Rochefoucauld quedaría nunha gasolinera (sic) -nada comentou en Foursquare-, pero non ascendeu a ministro a base de situar a man dereita coa palma cara arriba co primeiro ascendido na escala social que lle sube ao coche. O asunto da gasolineira parece que vai como a Lexión, camiñando apresado cara a ningures, agás a prender lume a un candidato á San Caetano que se proclamou a si propio a base de autovías, aves e lavacollas.
mercredi 12 octobre 2011
A LEXIÓN DESFILA NUNHA GASOLINEIRA DE GUITIRIZ
Commentaires sur A LEXIÓN DESFILA NUNHA GASOLINEIRA DE GUITIRIZ
Nouveau commentaire
sería bo escoitar a feijooooo explicando (ou tentando explicarnos) porque se lle dan cartos a un "empresario" (sic) que non emprende nada nin pon un can do seu peto. Tamén sería bo escoitar ao ministro dicindo aquelo de: paro por ser tú, que si es otro "ata" madrí no me ve nadie