boxeo cartel
OS BURGUESES somos peores de epatar cada día. Afirmo isto coa menor intención de orgullo, máis ben como síntoma dunha enfermedade moral. Aínda o falaba o domingo con Arthur Cravan, mentres el entrenaba para noquear un saco de terra. O boxeador e poeta foi un modelo para os que ensaian épater le burgeoise. Abondáballe con ser sobriño de Oscar Wilde. Fachendeou do parentesco diante de André Gide con intención de que lle termase dos luxos "e todo o que me ofreceu foi unha cadeira para sentar", prostestaba Cravan. Informeino de que Sánchez Dragó reitera o seu gusto polas rapaciñas no seu novo libro de memorias. "Un aprendiz", valoraba Arthur sen deixar de dar puñadas. A seguir explicoume que o sexo revelouse inútil para provocar a un burgués "porque raramente se acada esa condición antes dos 40 anos e daquela, para os homes, o sexo é un ensaio histórico". En canto as mulleres, amosou estar ao día ao apuntar que "pasan de publicar fotos incriminatorias de borracheiras en Tuenti a exhibir ecografías no Facebook". A política é cada día máis converxente en canto a ideas, polo que ninguén toma en serio aos extravagantes. Que nos queda, logo, Arthur? "A economía. Nun tempo de miseria, soamente un home que soña con crises como Alex Rastani pode epatar. Decir que soñou con esta crise é unha peza mestra da provocación", observou Arthur.