HAI UN CIDADÁN en Lugo que ten a chave do mundo. Nós dedicamos moitas páxinas a explicarnos e explicarlles a realidade, pero hai un señor que nos brinda a chave para abrir as portas todas. Cada día chama para interpretar as noticias con esa chave. Hai uns días explicoume que Higuaín marcara no minuto 3 o primeiro dos seus 3 goles. A unha compañeira abriulle os ollos informando de que un ministro está sendo investigado polo xulgado número 3 e que as coordenadas de Palas de Rei nos conducen inefablemente ao quilómetro 33. Eu desconfío das cifras dende que as raíces cadradas asolaroSAKS_3n o meu expediente académico sen ofrecerme explicacións, pero téñolle fe ao meu irmán Mikel, que me informou unha vez de que, se coñecésemos todas as variables da realidade, seremos quen de escribir o futuro ata con detalles irrelevantes. Seguindo esa teoría á luz do argumento do noso interlocutor cotián, trato de achegarme aos sucesos de Lugo que me desconcertan. Por exemplo, hai 9 días —múltiplo de 3— que rematou o San Froilán e o parque de Rosalía segue cheirando fondamente a ouriño. Outro exemplo inextricable é que se creou unha plataforma para defender a unhas xuízas, aínda que non serve porque son 2. A explicación vouna apañar do chiste que contaba o meu pai cando daba clase de Matemáticas para amosar a relatividade da disciplina: «Os catro mosqueteiros eran tres: Portos e Aramis».