Fish-AnatomyGALICIA tivo un momento idóneo na súa Historia. Como esa tarde no que os adolescentes acertan a coordenar piercing e montura de gafas. Pegerto Saavedra, o catedrático de Historia Moderna, situoume naquel tempo próspero: o textil no interior, as ferrerías nas montañas do Leste, as curtidurías na bisbarra de Santiago, a pesca en todo o litoral. A nosa achega demográfica era do 13% estatal. Iamos sobrados a respecto de Cataluña. As condicións eran inmellorables para sermos un país dos que galopan nos séculos. Pero algo fallou. Representamos ‘El miedo del portero ante el penalti’ (Alianza), coma no libro de Peter Handke. Saavedra sabe excesivas cousas sobre o século XVIII como para explicarmas. «Hai moitos factores», foi o seu xeito educado e humilde de facermo ver. A conclusión é que Galicia no se atreveu a chutar con furia, a artellar unha influencia en Madrid consonte ao seu potencial. Talvez por non molestar, que sempre fomos ben mandados. E viñeron outros a axitar o país por nós, como sempre acontece na realidade e nunca nas novelas. Os homes chegados do nacente foron os fomentadores cataláns que puxeron a andar a industria. Eles salváronos a pesca, pero o demáis marchou canda a desidia dos que apañaran capitais e deron en erixir igrexas e pazos. Pere Tobaruela tamén procede do mesmo punto cardinal, pero hai so uns anos. Aprendeu o noso idioma, tanto como para escribir novelas, que lle saen como ‘Poñente’ (Xerais). O industrial catalán Josep Sarduní ocupa unha das tramas, a histórica, co seu empeño por quitar adiante unha salgadura. O sal servía para conservar; ata para emprender, teimamos en conservar.