johnsonRajoy dialogou comigo en confianza a través dun libro, como se pretendese situarse nun plano mítico, nunha dimensión elexíaca superior á miña. Ese que el mesmo nega ao presentarse como unha persoa cotiá. Como se un señor misado na Peregrina que foi paseado en carricoche inglés pola Verdura, como se un rexistrador da propiedade que cobra por selo sen un apuntamento de actividade, puidese ser experimentado como próximo. Así que me falou en confianza de su vida y su proyecto para España, ese texto que disque lle redactou de escoitada un periodista galego que disque vai dirixir Televisión Española. Considerando que vai ser o próximo gobernante español, atendinlle ao que tiña que revelarnos coa emoción trascendendida coa que lía a San Lucas no colexio. Todo o que nos aluma non marcha un milímetro do que esperabamos, sabiamos e escoitaramos. O volume non ultrapasa a condición de repaso de prensa de 255 páxinas adornado cunha selección de álbum familiar de Ferrero-Rocher. Rajoy decidiu presentarse como incandidato, cunha vida cor de autoestrada e sen proxecto bocexado para España. Agarda medidamente a que todo se derrube ao seu redor, confío en que revirta esa inercia e non acabe sendo un impresidente. Ben coñecemos neste país da extrema Europa, Galicia digo, o xeito de gobernar escapandolle á política e entregándose a unha razoable e austera administración concursal.