Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
30 octobre 2011

PERRUQUEIRO DE ANXOS

mazás e perasO traballo de perruqueiro paréceme pesadamente tedioso. Consiste en botar a xornada cos brazos erguidos como se foses bailar unha muiñeira, pero soamente para recurtar o cabelo a uns señores que non teñen máis ca présa e esixencia de que se acepten a súas teorías futbolísticas, ou a unhas señoras que follean o Hola! predispostas ao desgusto co peiteado que concebiches para a morfoloxía da cara.

O meu oficio é ben outro, co que me aforro a incomodidade de darlles a razón a todo os señores que reformarían o IBI. Se ben é certo que o meu último perruqueiro pasaba a navalla a milímetros da miña orella mentres me persuadía sobre as perversidades dos gobernos que detentaba responsabilidades en diferentes andares administrativos, dende o Concello de Lugo ata Bruxelas.

Por moitas precaucións que tomo, ninguén me libra de exercer de perruqueiro provisorio durante uns días por estas datas. Ninguén me advertiu cando aceptei afrontar unha dobre paternidade. Así que non paro de mercar cabazas no mercado de Quiroga Ballesteros e de baleiralas da pulpa para que os fillos celebren o Samaín, que eles pensan que é unha coña inventada polo seu pai para distraelos da programación especial sobre Halloween de Disney Chanel.

Quito tantas guedellas brancas do cranio cabaceiro que pensei en entrar en competencia cos reposteiros mindonienses, aínda que a desputa permanente sobre o carácter pioneiro da receita logo me disuade. A palabra ‘auténtica’ é a máis repetida das caixas que saen de Vallibria e non serei eu quen se meta nunha desputa á que nunca fun chamado.

Agora o padal e o ánimo viráronseme amargos, pero lembro o estoupido emocional de que os meus pais atopasen un motivo para descender A Xesta e achegarse a una confitería mindoniense na que reencontrarme co sabio aproveitamento da pulpa da cabaza, co feliz concurso de follado e améndoa.

TARTA DE MONDOÑEDOA fórmula é ben coñecida, pero nunca está de máis repetila. Eu nunca deixo de consultar o xeito de cociñar os ovos fritidos por se algún día nalgures topo co secreto para non enzoufar a vitrocerámica. Sobre a base de follado, ponse biscoito con licor para recubrilo con cabelo de anxo e teitalo cunha capa de améndoa e tiras do propio follado. A ornamentación busca a cor a base de figos e cereixas. A sobremesa resultante destaca por unha densidade que invita a descubrir o interior, como a propia cidade se agocha baixo unha densa capa de néboa para ser descuberta.

A torta ten unha presenza de coroa que invitou a alguén a imaxinala coma un reino dos marcos dunha tixola, pero gañándolle unha promoción imperial e houbo quen estableceu unha alianza con ela. Teño escoitados tan apaixoados debates sobre quen fornea mellor como mantiñan os cristiáns de Oriente sobre o carácter de macho ou femia dos anxos. Eu sempre os atopei afeminados por mor das melenas longas.

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 416
Publicité