TRUMAN CAPOTE almorzaba zume de laranxa. Tomaba varios máis ata o xantar. E tamén despois. O seu avogado, Alan Schwatrz, sabía que a laranxa ía emparellada de vodca. Non dubidaba porque se citaban diariamente. Hai que ser tan peculiar como Capote para que un dos teus mellores sexa o teu avogado. Esa relación permitiunos gozar dunha noveliña estival e pícara como ‘Cruceiro de verán’ (Galaxia). Partindo dunha versión orixinal de 1943 e de centos de apuntamentos con rehabilitacións e melloras que se demoraron dez anos, varios expertos deron fixado un texto en 2004. A historia é a mesma historia que sempre escribía Capote: unha persoa soa no páramo edificado da metrópole. Reescribiuna relacionando unha prostituta e un gigoló en Almorzo en Tiffany's, que cumprirá medio século cadrando coa Feira de Santos de Monterroso. Fran Alonso tamén narra a soedade. Xa o fixera no clásico Silencio e retoma o asunto máis ou menos onde o deixou en Ninguén (Xerais). Os ruídos dos veciños xa non se filtran polas paredes, senón polo Facebook. Un dos seus personaxes recoñece que «non lembraba que a súa nai recease da soedade» porque ela vivía nunha aldea e emigrara á cidade levando canda si «a alegría da vida comunal». En nunca lle atopei o chiste á vida permanente na aldea, pero si é certo que a soedade é unha sensación de factura recente na evolución urbanística. Capote non a padeceu -atendía colas de amigos e advenedizos— ata os últimos tempos por mor de que se volveu punzante. Acabou tan desacougado que, cando Alan Schwartz o convenceu para facer testamento, houbo de remontarse a un vello amante, Jack Dunphy, para deixarlle todo.
lundi 31 octobre 2011
UN ZUME DE LARANXA QUE NUNCA SUFRÍA A SOEDADE
Commentaires sur UN ZUME DE LARANXA QUE NUNCA SUFRÍA A SOEDADE
Nouveau commentaire