CONTANDO AS FERIDAS QUE ME PROVOCA ESTE NOVEMBRO
Este novembro entrou no calendario a paso torpón, con preguiza. Van repoñernos 'Mariano en tiempos revueltos', cun protagonista que promete traer a felicidade coma se fose un objeto aprehensible e transportable o 24D nun saco de Papá Andreu. Por aí andan tamén dando a prosma 'Los Serrano', con Rosa Díez berrándonos as bondades de contar cunha serra grande e libre para mellor marcha da carpinteiría, como se a Artxanda que ela debeu de gozar de moza fose unha réplica a escala en gomaescuma do Sistema Penibético. O que máis nugalla política me provoca son todos eses grupetos que andan proclamando a centralidade e que, por xunto, non dan nin para un centro floral. Abúrreme que poñan prezo a subir ao coche de Blanco cando compartín local da rúa Salmón con el unhas cantas veces para informar, sen interese ningún, certo, pero gratis total. E mentres disque Feijoo mirando no calendario Myrga cando nos manda ir votar, sen pasar demasiadas follas, que a Visa está chamuscada e que ten que aproveitar que os rivais teñen sendos liderados de disimulo, aos que tratan coma esa avoa xorda á que escoitas para que che dea a paga, pero á que non atendes por seres consciente de que lle queda pouco tempo.