PORTUGAL está medrando. Seino porque comprei unha fregona lusa no Eroski cunha pegatina no pau que salienta: ‘Cabo máis cumprido. 1,40 cm’. Traducido, que o mango é máis longo. Iso indica que o fabricante detectou que os usuarios son máis altos cos anteriores. E mentres Portugal medra, Europa anda esfiañándose polas estremeiras. Irlanda acolleuse ao modelo contable alemán, aínda que recontando a débeda ata que lle saíu ao seu favor. España non para de mirar a Italia como se o festival de San Remo dedicidise reavivar a ‘canzone’ con Berlusconi regresando nun remix, a xeito de Carosone con ‘Tu vuò fà l’americano’. Viviu do escenario antes de reparar en que prefería axexar coristas na tramoia. Papandreu, entre mentres, colocouse a carga de dinamita contra o peito amosándose a camisa aberta en plan Gutiérrcarro fregonaez Mellado o 23F. Como medio para renegociar mellor a leira, preguntará aos seus se cumpre ou non o pactado, o que revela que o presidente grego é «xente na que confiar», que diría Miguel Fanego. Os helenos poderán optar entre afundir eles sós no Mediterráneo financieiro ou dar unha longa e invencible aperta de afogado ao resto dos europeos. A este paso, o máis sólido identitariamente que vai quedar de Europa será o sorteo de Euromillones. Teremos que apuntarnos na recepción do hotel que montaron os indignados en Madrid, que tanto me lembra a Hostal Royal Manzanares.

(Nota da xerancia: Este artigo foi escrito o pasado martes pola noite, polo que non considera os aconteceres posteriores, como que Grecia acabase convertida nun lander)