Os adeusesGALICIA NON chora, aspira a ser funcionaria. E os galegos que non opositan, viaxan. Dende que somos unha nación prozac por mor desta depresión ambiental cada vez máis e máis lonxe. Os viaxeiros máis contumaces son os licenciados. Segundo a universidade da Coruña, houbo 40.000 que viaxaron en calendario laboral nos últimos sete anos. Agora andan ao revés e volven á casa por vacacións, como veremos este Nadal. Teño amigos traballando en Londres, Barcelona, Chicago e Sicilia. Desbotaría que pretendan protagonizar un ‘Galegos polo mundo’. Máis ben se trata de que queren vehiculizar a formación que se esforzaron en acreditar para o currículo. Os peiraos da Coruña e Vigo atenden a turistas con vocación crustácea que nos toman por un país sollleiro e non baixan das sandalias. Os Alsa tampouco citan rapaces para que se vaian coñecendo con vistas a formar un centro galego en Xenebra. Os emigrantes de hoxe en día sorrín e se abrazan para o iPhone na nova terminal de Lavacolla. Esperaba un que as autovías e as infraestuturas para voar servirían para exportar mercadurías, pero remitimos cerebro de obra sen acuse de recibo. Antonio Veiga anunciou que a Deputación de Lugo vai rehabilitar escolas habaneiras en San Miguel de Reinante. Nese tipo de edificios se reencontraban os retornados para lembrar en sepia os tempos heroícos. Nunhas décadas, a Deputación recuperará arquivos de Facebook.

Foto: Os adeuses. A Coruña, 1957. Alberto Martí.