Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
13 novembre 2011

UNHA PÉRFIDA E SA ALBIÓN

OS POLÍTICOS ESTÁN afeitos a escoller entre a menos perxudicial das opcións, polo que agora que andan en campaña nin repararán no que comen. Un apaño calquera e un par de cafés cargados, supoño. Aínda que recoñezo que eu tampouco atendería moito ao que repousa sobre o prato se aspirase a unha subsecretaría, mesmo se arelase un escano; máis que nada polo iPad que lles imos regalar aos señores e señoras da Carreira de San Jerónimo.

BREAKFASTOs escoceses, galeses e norirlandeses se nutren aínda peor cós políticos en promoción porque hai un estudo da universidade de Oxford que lles advirte con ton correctivo, de que se se adentrasen nas bondades da dieta inglesa morrerían 4.000 menos cada ano. O réxime salvador tampouco vexo eu que fose entusiasmar a Grande Covián, pero é que nin motivaría a Sánchez-Ocaña.

Na última viaxe a Londres decidín someterme ao reto de Morgan Spurlock no brutal documental ‘Supersize me’, cando botou un mes alimentándose exclusivamente en restaurantes de comida urxente. Eu dobregueime a unha dieta tradicional inglesa, aínda que limitada a un par de días e a certos pratos porque o meu corpo non acepta parvadas preuniversitarias. Unha mañá almorcei ovos, salchichas, feixós, salchichas e champiñóns. Algo perfecto para padecer un desarreglo hormonal dunha semana.

No comedor do Museo da Ciencia sometínme a un xantar con ‘shepherd’s pie’. É carne de cordeiro picada e recuberta de puré de pataca e unha lasca de queixo. Todo forneado nunha cunca e conservando a calor. Delicioso. O meu intestino groso prohibiume cear algo de maior entidade ca un fish & chips, a pescada rebozada con patacas fritidas.

Ao día seguinte, retomei a proba. Atopei un pub disciplinadamente tradicional, coa súa madeira de carballo e os seus homes patilludos polas canas e vermellos de pel coma unha grella candente. Pedín unha sopa de cebola, que vén sendo un prato razoable se ten un que sachar unha horta. A maiores de cebola, leva allo, pan, queixo cheddar e a fascinante salsa Worcestershire. O segundo foi un roast beef, que me veu saboroso nunha salsa intensa e marrón, e acompañada de verduras variadas e cacheliños.

condiments-534x356Nas comidas posteriores adentreime noutras gastronomías de menor pureza británica, pero máis atractivo para a miña curiosidade.

A lenda torrada volta e volta sobre que en Londres, e na pérfida Albión en xeral, se come defectuosa e apresadamente quedou desmentida na miña conciencia. Restaba, logo, o misterio de que os xeitos gastronómicos ingleses adiaban a viaxe ao alén do resto dos británicos. O informe recoñece que comen o mesmo, pero restanlle graxas e botan menos sal, e consumen un 20 por cento máis de froitas. Sempre hai alguén que está peor ca un.

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité