BCNegra_2011SUSO DE TORO ten morriña de si mesmo hai 25 anos. Co gallo da feliz exhumación de ‘Polaroid’ (Xerais) polo seu cuarto de século recoñeceu que sinte «envexa daquel autor que o escribiu, nunca terei a graza que el tiña». A sentenza é parricidamente certa. Tampouco é que se lle pida outra cousa porque o compostelán agrandou tanto o perfil que nunca se moverá tan lizgairo. O mesmo que lle acontece a Manuel Rivas. Un clásico, obviatemente. Como consecuencia nunca máis leremos a frescura do mariñeiro contando que no barco «había un calendario cunha vaca e sentábame ben (...) a imaxe conducíame a un mundo do alento, o fume e o espertar na casa». A escea tireina do conto ‘Unha partida co irlandés’, estupendamente rescatada en ‘O máis estraño’ (Xerais), que me acouga como cando baixas a discografía de The Smiths. Ignoro en que quince horas relerei/lerei estes relatos, pero o libro pousado na mesa de lectura condúceme a un mundo de alento, cando a literatura me era ancha e allea, e aprendín paraxes enteiras con ‘Un millón de vacas’ e ‘Polaroid’. Dous másteres de escritura creativa que me esforzo por atopar novamente. Os novos autores galegos describen coma un paisaxista holandés, metaforizan con máis retranca que Sabina, pero naceron consagrados a xeito do Benjamin Button scottfitzgeraldino. Debe de ser unha sorte chegar a palpar o potencial escuro da novela e, de vez, descubrir que o espírito de Hemingway se aparece na pantalla do teu PC, mais boto en falta o risco. Parece coña, pero veño de atopalo nun autor sarriao coa auga dada de alta en Barcelona e que escribe en español. Ninguén pode negarlle vertixe a ‘El año del terremoto’ (Alrevés). Leo Coyote xa cumpriu 23 anos dúas veces.