cravanLores fíxonos un spoiler do que vai ser o congreso do BNG: "+G", sentenzou usando un acróstico que para o alcalde pontevedrés non significa o mesmo ca para Aymerich. Para Lores, +G significa Máis Guillerme, segundo o principio da dimisión lampedusiá de que a Terra xira para volver logo que pode ao punto de orixe. O rexedor razoa que o Bloque está mantendo a posta ideolóxica nas coordenadas nacionalismo/esquerda, aínda que asume que Galicia ignora o que chaman conciencia nacional, algo sobre o que dubida soamente unha minoría españolista en Euskadi e pouca xente en Cataluña. Lores vén explicarnos que o Bloque avanza asubiando no camiño correcto ignorando que a gran maioría da sociedade está na autoestrada do Partido Popular e, malia os resultados, do PSOE. Desatende á esmagante certeza de que os que eludiron a socialdemocracia autonomista non se sentiron cómodos nas propostas do sector socialdemócrata e galeguista do Bloque. A causa, talvez, é que non o deron enxergado entre tanta fanfarria chamando polos quincemes, detentadores dun voto nulo ou iluso e, cando non, irreflexivamente entorpecedor. Ese foi o sufraxio que tirou de San Caetano ao Bloque, o voto dos que nunca lle leron a Vanegeim que "o aburrimento é contrarrevolucionario", dos que non repararon en que a política -o poder concreto, diso falamos-, require máis que ler a saltapáxina a Chomsky e Zizek no lecer vespertino para citalo ao día seguinte no Consello Nacional. Poder tamén é bailar pasodobres ou botarse crema no iate dun rico (aínda nunha foto de vello renarteiramente rescatada). Houbo unha masa de electores que non acertou a percibilo e as consecuencias xa as vemos durante estes catro anos (que, a este paso no PSdeG, serán oito). A ortodoxia ten unha estética heroica, pero nunca gañou unhas eleccións. Aymerich contouno a xeito, cando dixo que poden aspirar a sumar "un 10%, como outras forzas de esquierda de Europa ou aspirar a gobernar". Proclamou que el podía atravesar esa liña de xeo, ofrecéndose demasiado cedo (iso arma ao inimigo) e teimando en incumprir a máxima social de 'un sorriso, un voto'.  A resposta xa lla deron Táboas, Pérez-Lema, Jardón e Mariñas, abeirándose baixo o sombreiro que cubre a Beiras. Aparentemente aceptaron o sebastianismo do seu vello carisma, que ateaza a Encontro Irmandiño, porque aos 75 anos un ten de todo agás futuro; polo que me inclino por sospeitar que a manobra é ben outra. O Bloque ben merece pola xeira de tantos anos que lle xurda o candidato vitorioso, un home ou a muller (mellor con táboas na xestión) que comprenda na súa literalidade a frase de Gari Kasparov: "As regras non son tan importantes como as excepcións".