strenco_steam_robot_1ALGÚN DÍA serán os fantasmas dos robots desguazados os que nos dean sustos. Polo de agora, son as almas dos espías as que se nos aparecen. O último foi Paesa, cuxa biografía anda nas estremeiras do Código Penal e xa tan próximo a Cuarto Milenio que calquera día Iker Jiménez lle dedica un especial. O axente español obrigoume a buscar a miña lista de espías favoritos. Tras John Le Carré, por motivos literarios; Kim Philby, porque semella unha xustiza poética que lle pagues ao rapaz un college e che saia comunista, e Putin, porque lle lin unha suxestiva disertación sobre a cervexa de Berlín Oriental, que era o que confesou que lle levaba máis tempo cando traballaba alí para o KGB. Hai espías aos que nunca puiden apuntar porque non trascenderon os nomes, pero ben merecían estar nesa clasificación. Por exemplo, os membros da CIA e dos servizos secretos españois que deixaron que se removese o derradeiro obstáculo para a instauración da democracia. Nunca quedou clara a súa participación, pero unha marabunta de polismilis alugando pisos e coches, e abrindo un túnel en pleno Madrid coa sería complicada de non detectar. Ese expediente sigue aberto porque se deixa nas mans da familia o destino dos restos do pai, un autómata na acumulación de poder. Resultaría razoable de non ser porque eses ósos ocupan un mausoleo que financiamos todos e goza dunha honra inmerecida.