_harry-wileyNUNCA SORRÍO antes do mediodía. Teimo en manter a cara de desacougo cando menos ata que dan as doce. Amosar alegría de mañá faiseme inapropiado. Sorpréndeme, por iso, a ledicia de Pepe Seijo, coa corpo sempre armado para un saúdo entusiasta e acolledor. Atraveseino o outro día diante o antigo casino de Lugo, onde a ruleta xira agora a beneficio da roupa de Amancio. Sorriu, coma sempre. Reparou en dúas prótesis brancas en forma de tenis Adidas que me cubrían os pés e preguntoume se ía facer exercicio. Niso andaba, pero non llo contei porque me deu vergoña confesarlle a actividade que practico: o banqueo. Agora calzo uns tenis polas mañás e saio ben cedeiro, antes de que os vellotes vaian pagar a luz nunha paradela de camiño ao ambulatorio. O banqueo é enxeñería financieira a pequena escala, algo así como un módulo de administrativo de FP. Consiste en ir de sucursal a sucursal facendo sumas e restas, como se meteses o iPad na cabeza. A seguir, quitas euros das contas nas que tes saldo positivo e ingresas nas que che avergoñan cun signo de menos diante da cantidade. Ben sei que a maioría nos afixemos, nos felices anos 10 que reviven os de primeiros do século XX, a comportarnos como describía Oscar Wilde sobre el mesmo no epitafio: «Viviu coma morreu, por riba das súas posibilidades». Cando remato, sorrío coma un campeón, aínda que esa palabra estea en desuso en Lugo.