A Real Academia Galega volve acertar de cheo no Ano Pereiro. Vai pechar a celebración organizándolle unha homenaxe moi aquelada coa visión que o monfortino tiña da cultura: será o I Congreso Clandestino Lois Pereiro. A catro días de que comece non hai unha nota pública. Eu informeime grazas un debate moi interesante entre Marcos Calveiro e Xabier Cordal no Twitter (que, enganadamente, acabou co primeiro unfollando ao segundo). Malia ese erro, estou co que denuncia Calveiro e analiza moi acertadamente Iago Martínez (que tamén abre para todos nós unha xugosísima carta) Ambos os dous merecían participar nese congreso por razóns obvias, que, menos mal, conta co terceiro home de entre os que máis se ocuparon da figura homenaxada. Xabier Cordal, un articulista fondo e de expresión acertada polo que (eu si) sinto oceánica admiración (situado na discrepancia), aseguraba nun tweet: "a RAG foi este ano a que prendeu a mecha para popularizar Pereiro. Xa deixou de ser un autor de culto e iso é a boa nova". A ver se vai ser que agora lembro mal, pero teño entendido que o Comandante apretou os dentes cando lle quitaron adiante a candidatura de alguén máis novo, menos politizado e para moitos (eu non sei, que non milito) mellor poeta. Como ben explicita Calveiro, houbo unha masa de seareiros civís que moveu o nome e a obra de Pereiro por todo o país; a Academia estivo como e cando lle era obriga estar, pero nunca aventou a bufanda nin baleirou un bote de spray (quero pensar que non eran os académicos quen andaban coa plantilla polas paredes de Vigo adiante). Tampouco se lle pide outra cousa, a RAG é unha minúscula elite cultural máis preocupada da coquetería de
que lle loza o loureiro ca da difusión da cultura nacional. De calquera xeito, Lois Pereiro segue sendo, afortunadamente, un autor de culto, porque o pobo xa ten as letras de Melendi como bo simulacro de poesía. Escribo isto porque neste país a única cultura popular que triunfa é a que nos vende Amancio Ortega, un magnate ao que todos levamos, antes ou despois, sobre a nosa pel e perto dos nosos corazóns a través da súa roupa. Comentaba antes que esta ignorancia do traballo de Calveiro e Martínez, e a subestimación da xeira de Xosé Manuel Pereiro é grave, pero quixera matizar que non se lle pode procurar malicia. El Progreso publica hoxe o anuncio dunha conferencia "del catedrático de Literatura del Instituto Masculino de Enseñanza Media, Jesús Alonso Montero, en el Círculo de las Artes de Lugo". A información é do 12 de decembro de 1961 e figura na sección de Hemeroteca. O nome ben o coñecemos todos na súa versión galega porque segue, en boa lóxica co seu labor investigador, participando en actos públicos. Con ese exemplo, e facendo aparte a Alonso Montero que nada ten que ver co asunto, quero dicir que neste país hai un círculo das artes, un colectivo de congresisto-conferenciantes-opinadores que permanece inmutado no seu núcleo. A consecuencia é que as ideas e as propostas non se anovan, e as estruturas da nosa cultura non avanzan. A mudanza transfírese aos contidos a tratar nos congresos, conferencias ou colaboracións que nos toca abonar colectivamente, pero poderíamos encher unha quiniela con pleno ao 15 cos nomes dos intervintes vitalicios. En Lugo, por poñer un exemplo, hai tres nomes omnipresentes. Levo 18 anos traballando como xornalista de Cultura nesta cidade (16 deles publicando libros a máis dun título por ano) e nunca se me tivo en conta para dar a miña opinión en foro público algún. Dado que non dei entrado neste club de poetas vivos, optei por irme dando de baixa de todos os colectivos culturais aos que pertencía entendendo que, se a ninguén lle parecía interesante o que podía apuntar, non estaba diposto a financiar voluntariamente que opinasen outros.
Outra cousa é que a Xunta, por vía impositiva, e a miña profesión me obriguen a facelo. Hai tempo que deixei de pertencer a Gálix e deime de baixa na Asociación de Escritores en Lingua Galega. O irónico e cruel é que a miña marcha lles preocupou tan nulamente que continúan enviándome toda caste de convites ao meu correo particular. Non tiven ocasión de abandoar o Pen Club porque o meu anunciado ingreso quedou no esquecemento ou na desidia, non sei. Aclaro que sigo sendo socio do Club Fluvial porque mando os cativos a natación e lles aprenden a manterse a frote que nindiola, algo ben importante para facer carreira neste sistema literario.
lundi 12 décembre 2011
A RAG DEVOLVE A LOIS PEREIRO Á CLANDESTINIDADE
Commentaires sur A RAG DEVOLVE A LOIS PEREIRO Á CLANDESTINIDADE
- Elnamil, non teño ningún interese na clandestinidade de Pereiro. Desconfío de que a poesía poida ser popular alén os cien cañones por banda de Bécquer, pero o monfortino conseguiuno.
Non lle vou discutir a Rivas a súa autoridade sobre Pereiro. O de Xosé Manuel como anfitrión non me consta.
Toda vez que o congreso está financiado polos galegos que pagamos impostos asísteme todo o dereito a opinar sobre o seu contido. Como lles corresponde aos que non os pagan, só faltaría que non podemos comentar o uso dos recursos públicos.
O fondo do post non era, de calquera xeito, comentar este congreso; senón tratar de explicar a dous expertos en Lois, como Calveiro e Iago Martínez, por que non os chamaron. O fondo do comentario era denunciar que hai unha serie de expertos que participan en todas cantas feiras se organizan, independentemente do asunto do que se trate. - Entendin o teu comentario,pero expliquime mal.
Penso que deberían participar no Congreso aqueles que contribuiron coas suas obras e artigos a dar a coñecer a Pereiro.
Pero moitos dos que falarán no devandito congreso falaron e escribiron tamén sobre Cunqueiro.
Ousexa son biógrafos e conferenciantes profesionais coma dis de Alonso Montero.
Sempre os mesmos e os mesmos aburridos puntos de vista nos escenarios.Escribe ti algo.Eu descubrin a poesia de Pereiro por unha columna tua que se titulaba Perfect Day.Aínda teño o recorte.
Grazas. - Un bo síntomaJaureguizar, sabes que eu tamén te quero un pouco
, así que en sospeitoso compadreo e grato ademais por discrepares con calma, opino aquí.
A nosa Academia é un luxo planetario, concordarás. Pensemos en España, pensemos pintadas sublimes: "Panero: Cervantes ya!". Ou en Portugal: "Devolvam Nobel a Lobo Antunes, Saramago calhamaço!".
Nunca vin pintadas ao xeito. Sospeito que porque en Galicia pensamos que a Academia dalgunha maneira nos pertence, e facemos ben. Nos países con Estado xa non teñen esa esperanza e só critican a súa Academia os señores/as de certa idade (aspirantes) e algún hortera.
Curiosamente, cando a RAG estaba morta ninguén a poñía a caldo. A cousa empezou cando Paco del Riego, deus o teña na gloria con puro e whisky, puxo o que había que poñer para revivila. Entón empezou a asomar como ameaza. E comeza a recibir hostias ao mesmo tempo que recibe peticións, como se fose Santa Claus. "Academia, pronúnciate contra Franco con efecto retroactivo!". "Academia, Lois Pereiro xa!" ou "Carvalho Calero xa!". Acabarán pedindo que lles asfalte unha pista en Rianxo, que convoque unha folga xeral ou que proclame a República, xustamente o que non piden a outras institucións culturais e -nin che conto!- políticas. O síntoma é bo, repito, é que percibimos unha institución nacional.
Pero non eludo a cuestión. Non vou defender nin criticar o elenco de participantes, nada teño que ver coa RAG: nada máis do que ti mesmo teñas que ver. Só sei, coma calquera, que traballa en precario, que busca fondos como sexa, incluso de maneiras coas que un non se sente ás veces nada a gusto. Se a RAG tivese un departamento de xestión e publicidade, etc., a recepción deste Congreso chegaría puntual e non resultaría incómoda a case ninguén. Mais cando pasen os anos, estes anos, non imos xulgar a súa pureza, senón os seus logros. Este Congreso sería inimaxinable hai apenas un lustro. Nin che digo a decisión de que Pereiro fose o escritor obxecto de homenaxe.
Así que non concordo en que dese igual que a Academia dedicase ou non o ano a Pereiro. As persoas que levan tempo traballando nel conseguiron un campo de intervención impensable hai un ano. As Letras 2011 son un fito histórico. Pereiro re-publicouse, entrou nos centros de ensino, encheu conferencias, xuntanzas, recitais. Madia leva que o campo estaba sementado, que a súa obra gañara adeptos desde aquel tempo, xa ben distante, no que reivindicabamos a súa obra (inédita) catro persoas. E facíamolo cando outros desprezaban a cultura galega precisamente porque non tiñan nin puta idea da súa modernidade. Algúns, nese asunto e noutros similares, puxeron o risco de desafiar a Orde Vixente. E despois, pero moito despois de dios, viñeron as celebracións.
De maneira que é, desculpa, mexar un pouco por fóra asociar a RAG a sprays ou happenings, nin é nin será nunca a súa función, mesmo que se vaian solucionando as eivas que segue a ter. E que con xustiza se lle sinalan. Fixo a Academia o maior servizo a Lois Pereiro e á literatura galega contemporánea que estaba na súa man, precisamente porque era de sentido común calcular que o happening potencial aproveitaría esa mecha prendida. As túas palabras son frívolas, se me permites e sen ánimo de ofender, cando falas de coquetería e non sei que máis. É unha Academia da Lingua, le os seus principios fundacionais, os seus obxectivos. O mundo é ancho e fóra das academias (de todas) hai outro tipo de vida, en rigor a vida activa da lingua e da literatura. A agonía, debera dicir. E aquí nós, entreténdonos con lercheos mentres o inimigo bate palmas e prohibe manuais escolares nos que se fala de que o noso é o idioma de Galicia.
E fóra das academias tamén están, como estiveron sempre, os poderes. Hai a quen lle gustaría posar á marxe deles, léase, ser marxinal. Hai quen o é sen buscalo e por diversas razóns, entre elas dicir a súa verdade sen calcular moi ben que a tal verdade subxectiva o vai ir apartando das elites. A liberdade ten prezo e págase con gusto. Tamén en cartos, en notoriedade, en capacidade de influencia en xurados, editoras ou eventos culturais. Ti, precisamente ti, sábelo ben. A cambio dormes un coma un santo, como dorme estes días Leo de Matamá, poñamos por caso, sen a obriga moral de ter que xustificarse.
En fin, que non estou de acordo contigo. Lois Pereiro xa non pertence a ningún couto privado, apenas a cada unha das persoas que o len e o seguirán a ler en voz baixa. Se alguén se reclama hermeneuta imprescindible, alá el. Cando había "ninguneos" e labazadas virtuais, e das gordas, cando non daban un peso por este idioma, cando non se cobraba e se chupaban tardes e noites armando danzas polo país adiante: o conto érache alí. Para algúns de nós a trincheira continúa. Agora hai tamén (contada) xente que vive da literatura galega; para min é unha estupenda noticia, outro síntoma da normalidade que nos gustaría ter. Moito do resto xa son lobbies (lobbiños), egos e novas elites, en ocasións disfrazadas de Cool, que buscan o seu espazo, lexitimamente, no xogo do poder. Deus salve o Conselleiro.
Unha aperta.
PS: Os "cien cañones por banda" pa min que non son de Bécquer, nenooooPero "quen puidera namorala" é de Cunqueiro e tense cantado no Luar con gran éxito de público. Tampouco hai por que deprimirse a mantenta.
- Boas, Xabier, o primeiro: agradecido e impresionado pola resposta. Como supós, teimudo que son, o éxito do ano Pereiro foi dos pereiristas (empezando polo irmán e incluíndote, porque sei do Borrazás, os meus sogros viven a unha carreira de can). Eu non vexo a RAG coma un órgano externo e oposto ao poder, senón coma parte del. Certo que tampouco teño a túa visión confrontada co poder. Case que nunca están os que eu voto, pero acepto esta democracia. Acudín ao acto da Academia en Monforte e vin respecto, non entusiasmo. A moitos dos nosos representantes culturais non lles gusta Pereiro, ten códigos demasiado modernos para eles.
Eu interpreto toda esta polémica coma un risco de normalidade: fáiseme indignante que gasten cartos públicos e non se lles tire rendimento a través da publicidade xeral. Non lle faltan medios, que ben avisan cando lles convén. Dáme que isto ten máis que ver con manexos Ferrín/Varela.
As miñas palabras son frívolas, si. Por algo son fillo do Cabaret Voltaire e de Ronseltz.
En canto a falta de afectos e de oportunidades que me reporta expresar o que penso, que sempre están os catro mesmos en todo, non me desacouga. Polo de agora teño un soldo e procuro rirme da miña egocentria. Váleme ben máis pensar en que os meus dous fillos recoñezan algún día que o seu pai foi coherente que todos os beneficios económicos e de respecto intelectual que me pode reportar ficar caladiño e medorento. A prudencia é moi aburrida.
Agora marcho durmir coa conciencia tan limpa coma o cu dun bebé recén bañado. Recibe unha apertaza deste que te quere. - Os de sempreEstou plenamente de acordo co que dis sobre os conferenciantes oficiais. Só se convidan aos actos os mesmos, que din sempre o politicamente correcto (pode verse a propósito do Congreso sobre Cunqueiro) e son os que eu nun artigo recente do meu blog chamo os todólogos. Mais estes actos rexistran moi pouca asistencia de público. Eu aos que teño asistido só aparecen os familiares, alumnos obrigados e xente así. Por outra banda, están os blogs, coma o teu, que son bastante máis interesantes e esa cultura oficial dos todólogos e profesionais da convivencia-congreso pagado por todos está morto. Agora ben, molesta ter que aturar cando nos din aos que traballamos para empresas privadas na tradución ou confección de libros que somos uns vendidos ao capitalismo, eles que cobran por vía dobre ou tripla do Público, pois adoitan ser profesores estatais. Sigue nesta liña.
Nouveau commentaire
Os anfitróns invitan a quen quero, e da por descontado, que Xosé Manuel Pereiro é un anfitrión, nunca tivo un ano coma iste.
E tamén Manuel Rivas que é académico e que é o que propuxo a Lois para o galardón.