NEGAR A NEGACIÓN NEGADA
SLAVOJ ZIZEK denuncia en El acoso de las fantasías (Siglo XXI) a retorta perversión de Stalin: non soamente prohibía criticalo, senón que prohibía que se explicitase esa prohibición. Tratábase de negar mesmo a negación para ofrecer unha ilusión de que a ditadura comunista consentía a disensión. Certamente a consentía, pero na estepa de Siberia. Sobre eses tempos, conta Yuri Trifonov en A casa do embarcadeiro que había «un mundo no que transcorría unha vida totalmente distinta da vida da xente normal». Referíase á elite do partido, que vivía en A Casa do Embarcadeiro, onde a Nomenklatura gozaba non xa de privilexios, «senón de calquera cousas que se che puidera ocorrer», cóntalle Igor Karpinsky, un integrante desa elite, a David Remnick paraLa tumba de Lenin, o Pulitzer que vén de publicar Debate. O risco desa clase alta encumiada grazas á fidelidade política e vergonzante era desaparecer unha noite porque Stalin te mirara como «traidor». Houbo quen superou décadas de silencio medroso, como o pai de Vladimir Kaminer. O fillo dedícalle un conto en A discoteca rusa (Rinoceronte) onde lembra que, canda a democracia (ou iso tan semellante que agora apaña Putin), veu a delincuencia. Kaminer senior empezou por parapetar a casa, pero foron tales as medidas de seguridade que «a fortificación acabou sendo prisión». Marchou, logo, en 1990 a Berlín, onde xa vivía o fillo. O primeiro que enxeñou, aproveitando as vantaxes do capitalismo, foi localizar dous estancos nos que o mesmo tabaco se vendía a diferentes prezos. Durante meses viviu do beneficio que tiraba comprando no barato e vendendo no caro. A maiores, facía exercicio.